O deputado provincial Marcos Guisasola visitou hoxe o concello onde recordou que o organismo tiña xa comprometidos 743.429 € do Plan PON2030 e anunciou que estes recursos serán complementados con outros 187.000 € do Plan +Provincia
O deputado provincial Marcos Guisasola acaba de realizar unha visita ao Grove onde remarcou que a Deputación de Pontevedra investirá máis de 930.000€ para financiar integramente a nova área deportiva das Bizocas. Guisasola recordou que o organismo tiña xa comprometidos 743.429 € do Plan PON2030 para impulsar esta actuación e anunciou que estes recursos serán complementados con outros 187.000 € da liña 1, de investimentos, do Plan +Provincia, que se aprobarán este mesmo venres en Xunta de Goberno.
O deputado deu conta dos traballos que O Grove levará a cabo con estes fondos provinciais que permitirán poñer en marcha unha nova área lúdica nun terreo duns 4.900 m2 nas Bizocas e aproveitar o esqueleto do pavillón que non se chegou a construír para o centro educativo. Deste xeito, as novas instalacións deportivas desta zona da parroquia de San Vicente do Mar disporán dun pavillón cuberto, canchas de baloncesto, un parque infantil, zonas de calistenia, un circuíto biosaudable e aparcamento para vehículos.
Esta nova infraestrutura será accesible e inclusiva e, debido á súa proximidade co instituto e o colexio, así como á praia de Area da Cruz, converterá a parcela en desuso nun espazo verde que servirá de lugar para o entretemento e a desconexión, así como para acoller pequenos eventos. Ademais, o recinto contará con percorridos peonís de 2,5 metros como mínimo de ancho e cun peche natural con especies vexetais autóctonas que darán sombra.
Marcos Guisasola recordou que o Plan +Provincia, “a mellor fórmula para dar resposta ás demandas dos nosos concellos e facer fronte aos seus proxectos, sempre desde o máis absoluto respecto á autonomía municipal”, destina este ano ao Grove máis de 914.000 euros. O deputado provincial lembrou que con este programa a Deputación de Pontevedra ten como obxectivo “impulsar o avance da nosa provincia a través de actuacións transformadoras como esta, que no só modernizan as nosas vilas, senón que melloran a calidade de vida da nosa veciñanza”.