- O vindeiro venres dará comezo a XVI edición da proba deportiva nas instalacións da Freixa contando con máis de 170 participantes de España, Portugal e EEUU
O concello de Ponteareas vestirase de gala este venres, día 26, a partir das 16.00 horas, para dar comezo á disputa do “XVI Open de Tenis Vila do Corpus” nas pistas da Freixa, unha edición que implica un gran salto de calidade, ao estar incluída e ser puntuable para o Circuíto de Nacionales da Real Federación Española de Tenis. Unha circunstancia que influirá directamente no alto nivel dos participantes, máis de 170 chegados de toda España, Portugal e mesmo de EEUU.
Do día 26 de xuño ao 5 de xullo haberá competicións nas categorías de benxamín, alevín, infantil, cadete, veteranos +35, +50 e +60 alén do torneo absoluto masculino e feminino. Organizado polo Club Tenis Ponteareas en colaboración co Concello de Ponteareas, Deputación de Pontevedra, Deporte Galego da Xunta de Galicia e a Federación Galega de Tenis esta cita deportiva repartirá trofeos aos campións e finalistas nas categorías desde benxamín ata veteranos e 3.000 euros en premios en metálico para a competición absoluta masculina e feminina.
O presidente do Club de Tenis Ponteareas, Juan Carlos Márquez, quen estivo acompañado polo membro da directiva, Juan Manuel López, puxo de manifesto a súa satisfacción porque a proba “sexa incluída no Circuíto de Nacionales da Real Federación Española de Tenis”, aclarando que “son moi poucas as probas que desfrutan dese privilexio e supón un premio a tods unha longa traxectoria”. Unha circunstancia que terá o seu reflexo positivo nunha participación de nivel, contando co destacado tenista galego, Iago Domínguez, gañador na edición 2024 e finalista na edición do 2025.
O Concelleiro de Deportes, Nicolás Rodríguez, puxo de manifestou a súa satisfacción por colaborar cun evento “que vai gañando en importancia ano tras ano, froito do gran traballo que se está facendo desde o Club de Tenis de Ponteareas”. Pola súa banda, a alcaldesa, Nava Castro, amosou o seu “orgullo e satisfacción por ver como Ponteareas se sitúa unha vez máis como un referente deportivo, acollendo unha proba que figura entre as máis importantes de España”.

