Marga Caldas alerta de que a folga do persoal por non cobrar o establecido nos pregos “é a punta do iceberg” da falta de supervisión municipal sobre a concesionaria
O BNG de Poio vén de denunciar o que considera un “absoluto descontrol” do goberno local de Ángel Moldes sobre a concesionaria do servizo de limpeza viaria e recollida de residuos, Valoriza. A voceira Marca Caldas anunciou que reclamará garantías sobre o cumprimento do contrato a través dunha auditoría ou informe que acredite se a empresa está a respectar todas as obrigas ás que se comprometeu cando obtivo a adxudicación, tanto no referente ao servizo como en relación á relación co persoal.
A portavoz do Bloque considera que a actual folga indefinida das e dos traballadores, convocada en plenas festas de San Xoán, pon de manifesto un novo capítulo dos incumprimentos de Valoriza e da pasividade do goberno de Moldes. “O que estamos a ver é a punta do iceberg, o resultado de tres anos de desleixo, de falta de control e dun compadreo permanente entre o goberno local e a concesionaria. O Concello desentendeuse completamente de supervisar o contrato e agora estamos a pagar as consecuencias tanto as e os veciños como as e os traballadores”, asegura.
Caldas lembra que durante todo o mandato o BNG vén denunciando que Poio está máis sucio ca nunca, con continuas queixas veciñais polo estado das rúas, dos contedores e dos espazos públicos. “Aquí non se controla se se presta correctamente o servizo, non se controla se se renovan os medios técnicos comprometidos, non se controla como funcionan as instalacións nin a loxística da empresa e, polo que estamos vendo agora, tampouco se controla se se respectan os dereitos do persoal. O Concello simplemente mira para outro lado”, critica.
A nacionalista lembra que o propio contrato do lixo establece con total claridade que a empresa adxudicataria está obrigada a respectar as condicións laborais das persoas traballadoras. Entre outras cuestións, debe asumir as categorías profesionais, a antigüidade e todos os dereitos adquiridos recollidos no convenio colectivo de aplicación. “Agora atopámonos cunha folga porque o persoal denuncia precisamente que non se están actualizando os salarios conforme ao convenio e ás condicións que figuraban nos propios pregos da contratación. Mentres tanto o Concello lava as mans como se non tivese nada que ver”, lamenta.
Para Caldas, o executivo de Moldes non pode escudarse en que se trata dun conflito entre empresa e persoal porque é o propio Concello quen ten a obriga de vixiar que o contrato se cumpra en todos os seus extremos. Subliña que o PP non pode actuar como un mero espectador, xa que se unha empresa recibe millóns de euros dun contrato público, o mínimo esixible é que o Concello comprobe que está a cumprir todas as condicións polas que foi contratada.
Mecanismos de control
Aínda que as cuestións laborais están de máxima actualidade, un aspecto central que preocupa ao BNG é a aparente inexistencia “ou esquecemento” dos mecanismos de control da calidade do servizo que figuran expresamente no contrato. Segundo lembra Caldas, o documento obriga a que exista unha supervisión permanente da prestación, con inspeccións municipais, revisións de persoal e maquinaria, informes mensuais sobre incidencias, cambios de persoal, lavado de contedores, recollida selectiva e funcionamento xeral.
Segundo explica Caldas, o contrato prevé ferramentas moi concretas para controlar a empresa, tales como inspeccións permanentes, informes mensuais e mesmo sancións económicas cando se detecten incumprimentos. O BNG lembra tamén que os pregos recollen expresamente incluso a posibilidade de contratar unha empresa independente de control de calidade para supervisar a execución da concesión, reservando para iso unha partida económica específica que debe asumir a propia adxudicataria.
“Queremos saber se existe esa empresa de control, se se realizaron inspeccións independentes, cantos informes se emitiron, que incumprimentos se detectaron e que sancións se impuxeron. Porque a sensación que temos nós e que ten toda a veciñanza é que non se controlou absolutamente nada”, afirma Caldas, quen considera especialmente grave que esta situación se produza nun dos contratos máis importantes economicamente do Concello.
Por todo iso, o BNG solicitará formalmente no Pleno información detallada sobre o cumprimento do contrato, os mecanismos de control activados polo goberno de Moldes, os informes emitidos durante estes anos, as posibles penalizacións e as actuacións realizadas para garantir os dereitos laborais do persoal. “A incapacidade do goberno de Moldes vai quedar retratada”, advirte Caldas.

