O audiovisual visitará ao longo desta semana, entre o 4 e o 11 de novembro, os concellos de Barro, Cambados, Soutomaior, Valga, Salvaterra, Cerdedo-Cotobade, Sanxenxo, Ribadumia, Covelo e Nigrán
A Deputación de Pontevedra vai poñer en dez concellos da provincia un circuíto audiovisual para achegar a figura de Domingo Fontán á mocidade. Deste xeito, “Fontán, o primeiro rostro de Galicia” visitará ao longo desta semana, entre o 4 e o 11 de novembro, os concellos de Barro, Cambados, Soutomaior, Valga, Salvaterra, Cerdedo-Cotobade, Sanxenxo, Ribadumia, Covelo e Nigrán.
O primeiro dos pases do audiovisual sobre Domingo Fontán terá lugar este luns, 4 de novembro, as 11.00 horas no IES de Barro. O martes 5 chegará a Cambados ás 11:00 horas onde se poderá ver no Auditorio Municipal e ata o IES de Soutomaior, coa proxección ás 17:00 horas. O mércores 6 ás 9:15 horas recalará no IES de Valga e ás 13:00 horas no IES de Salvaterra. Xa o xoves 7 visitará ás 10.20 horas o IES de Cotobade e ás 12.25 horas o IES de Portonovo, en Sanxenxo. Pola súa banda o venres 8 o audiovisual de Domingo Fontán chegará ás 12:30 horas ao CEIP de Ribadumia e, finalmente, o circuíto pecharase o luns 11 de novembro no CEIP de Covelo ás 11:00 horas e ás 16:00 horas no CEIP Arquitecto Palacios de Nigrán.
A actividade consiste na proxección de “Fontán, o primeiro rostro de Galicia”, de 30 minutos de duración, que fai un percorrido pola historia e a xeografía galegas, incluíndo entrevistas de especialistas e nocións sinxelas de matemáticas e xeografía o que converte a peza nunha ferramenta didáctica atractiva e multidisciplinar. E trala proxección terá lugar un coloquio, de aproximadamente 60 minutos, para achegar á mocidade o proceso que levou a Domingo Fontán a poñer en marcha a Carta Xeométrica de Galicia (1845), o primeiro mapa topográfico e científico da nosa comunidade, considerado o traballo cartográfico rexional máis importante do século XIX.