A Festa da Sementeira chega á súa maioría de idade trasladando a súa esencia a través dunha curtametraxe

Redacción
Lectura mínima de 2

A Organización Cultural Quinta do Piñeiro volve apostar pola emoción e a identidade na promoción da súa festa máis emblemática, nesta ocasión a través do sétimo arte. A Festa da Sementeira e Música celebra este ano unha edición moi especial, marcada pola súa maioría de idade.
“Somos nós” é unha peza audiovisual con moita retranca que pretende homenaxear a todas as persoas que traballaron e seguen traballando por esta gran xuntanza. Nesta ocasión, os protagonistas son membros da propia asociación: Marcos Estévez, Vanesa Estévez, Francisco Sousa, Jennifer Gómez, Francisco Iglesias, Cristina Álvarez, Rubén Barbeito e Janira Núñez, que se poñen diante da cámara para representar unha xuntanza das nosas.

O audiovisual está protagonizado por Xosé Portas, nun xesto que reforza o seu vínculo coa terra e o compromiso co tecido cultural da zona. A súa implicación supón, ademais, un apoio simbólico ao labor que a asociación leva desenvolvendo ao longo dos anos.

A peza, dirixida polo director Rubén Riós, foi gravada durante a pasada edición do festival en diferentes espazos da contorna, convertendo o territorio nun elemento narrativo máis. Baixo a súa dirección, recreáronse situacións tradicionais que conectan coa memoria colectiva e coas raíces culturais de Galicia.

Desde a organización quixeron tamén destacar o papel fundamental de Josefa e Felipe, veciños da zona, que cederon a súa vivenda para a rodaxe e participaron activamente nalgunhas escenas. Un xesto de colaboración que exemplifica o espírito comunitario que define a Festa da Sementeira.

Con esta nova proposta audiovisual, a Festa da Sementeira reafirma a súa identidade como un evento que vai máis alá da música e da celebración, converténdose nun espazo de encontro, memoria e reivindicación da cultura popular galega a través da creatividade.

Comparte este artigo