A Festa dos Viños da IXP Ribeiras do Morrazo chega á súa 5º edición co arranque das Festas da Virxe do Carme

Redacción

A alcaldesa, María Ramallo, acompañada dos bodegueiros e representantes do Goberno local, presentou na Adega Ardán unha festa que xa é “unha parte esencial da nosa programación festiva” e que estará na Alameda do venres ao doming.

Viño, tradición, emprendemento e moita festa. Iso é o que significa a Festa dos Viños da IXP Ribeiras do Morrazo, que volverá ser parte do pistoletazo de saída das Festas do Carme.

A alcaldesa, María Ramallo, acompañada dos concelleiros Pablo Novas e Marián Sanmartín e dos bodegueiros das bodegas participantes, presentou esta mañá na sede da bodega local, na Adega Ardán, esta edición da festa, “que é o maridaxe perfecto para a programación festiva da fin de semana”.

As casetas colocaranse na Alameda e estarán abertas do venres 10 ao domingo 12 e poderanse degustar e catar as distintas variedades que producen a Adega de Ardán (Marín), Os Areeiros (Vilaboa) e Reboraina (Redondela).

Estas bodegas forman parte da asociación montada arredor desta indicación xeográfica protexida, que trata de poñer en valor a tradición vitivinícola da nosa contorna.

A cita xa é unha referencia para os amantes do viño e a gastronomía, xa que como acompañamento estará de novo tamén Rosa de los Vientos, cun stand propio para ofrecer tapas de pulpo en distintas elaboracións.

O horario da feira será o venres, de 20.00 a 00.00 horas e o sábado e domingo de 12.00 a 15.00 e de 20.00 a 00.00 horas.

Comparte este artigo