A sesión terá lugar o luns 19 de outubro, ás 17.00 horas, na Casa Reitoral de Petelos, e permitirá coñecer o tratamento dos biorresiduos e trasladar propostas para mellorar o servizo
O Concello de Mos organiza unha charla informativa sobre o colector marrón e a correcta separación dos biorresiduos na orixe, dirixida ao público en xeral e tamén aos grandes produtores de residuos, como establecementos hostaleiros, colexios, centros residenciais e comercios de alimentación.
A sesión terá lugar o luns 19 de outubro, ás 17.00 horas, na Casa Reitoral de Petelos. Durante o encontro explicarase a importancia de separar correctamente os residuos orgánicos, que materiais deben depositarse no colector marrón e cales son os pasos que cómpre seguir para facilitar a súa reciclaxe.
A actividade abordará tamén a complexidade do tratamento dos residuos orgánicos e os custos económicos asociados á súa xestión, con especial atención ás necesidades dos establecementos e centros que xeran un maior volume de biorresiduos.
Ademais, a convocatoria ofrecerá un espazo para recoller as suxestións e demandas das persoas asistentes, especialmente as relacionadas coa dotación de contedores e coa mellora do servizo de recollida. O obxectivo é coñecer as necesidades da veciñanza e dos distintos sectores implicados para identificar posibles melloras na xestión dos residuos.
Con esta iniciativa, o Concello busca resolver dúbidas sobre o uso do colector marrón e fomentar a separación correcta dos biorresiduos, promovendo a colaboración cidadá e dos grandes produtores para avanzar nunha xestión máis responsable dos residuos municipais.
A actuación conta co apoio das axudas da Xunta de Galicia para a xestión de residuos e dos Fondos Europeos.

