– O Concello e Confraría de Redondela asinaron un convenio que supón unha achega económica para o pósito de 10.000 euros. Estes fondos destinaranse a rexenerar os bancos marisqueiros con semente de ameixa. O sector atravesa unha situación complicada debido á redución de capturas que provoca o cambio climático na ría.
– A alcaldesa, Digna Rivas, manifestou o apoio do Goberno local a este colectivo “que desenvolve unha labor económica fundamental de xeito artesanal e sostible”. Rivas destacou “a gran labor das mariscadoras, un duro traballo moitas veces invisibilizado”.
O Concello de Redondela acolleu o acto de sinatura do convenio coa Confraría de Pescadores San Xoán. O acordo asinárono a alcaldesa, Digna Rivas, e a Patroa Maior do pósito, Nisi Otero. No acto participaron tamén o concelleiro de Emprego e Medio Ambiente, Alberto Álvarez, e o vicepatrón da Confraría, Fran Pereira. A través deste convenio o Concello achega á Confraría unha subvención de 10.000 euros. Estes fondos servirán para a compra de semente de ameixa xapónica coa que van repoboar os bancos marisqueiros nos que faena tanto o marisqueo a pé como a flote.
Esta intervención faise moi necesaria nun contexto no que o cambio climático está a afectar negativamente ao sector pesqueiro e marisqueiro. A alteración das condicións ambientais e o quecemento da auga están a provocar unha redución drástica das capturas pola elevada mortaldade de especies como o berberecho e a ameixa. Esta crise climática supón un duro golpe para a produtividade e a sostibilidade dos recursos na ría, e especialmente nunha zona tan sensible como a enseada de San Simón. A situación afecta directamente aos 145 socios e socias cos que conta actualmente a confraría redondelá.
Na sinatura do convenio a alcaldesa puxo de manifesto o apoio do Goberno local a este colectivo, “que desenvolve unha labor económica fundamental na ría cun traballo artesanal e sostible do que viven ducias de familias do municipio”. Rivas destacou “a gran labor das mulleres que realizan neste sector un duro traballo moitas veces invisibilizado”. Neste sentido a alcaldesa lembrou tamén “a formación pioneira na elaboración e reparación de redes de pesca” que o Concello financiou este ano para as mariscadoras locais. O obxectivo do curso era o de facilitarlles unha alternativa laboral “como complemento ao marisqueo dentro do propio sector do mar”.
O convenio asinado entre o pósito redondelán e o Concello súmase a outras subvencións aprobadas polo Goberno local para entidades sociais, asistencias, asociacións deportivas e culturais.

