- Persoas usuarias do obradoiro “Cultiva a mente” de AFAGA e alumnado do CPR Padres Somascos – Fundación Edúcere participaron na recollida de residuos en diferentes areais do municipio
A Guarda foi escenario esta semana de dúas xornadas de limpeza de praias enmarcadas no proxecto “O Compás do Alzhéimer”, unha iniciativa impulsada por AFAGA e financiada polo GALP Ría de Vigo-A Guarda que ten como obxectivo promover o benestar e a inclusión social das persoas con demencia e da súa rede de apoio, formada por familiares e persoas coidadoras.
O proxecto busca tamén implicar á cidadanía na posta en valor da cultura e do patrimonio náutico-marítimo-pesqueiro do territorio, fomentando a recuperación das tradicións e o desenvolvemento de actividades de sensibilización e participación social.
As actividades desenvolvidas esta semana na Guarda consistiron en dúas saídas para a recollida de residuos en distintos puntos do litoral guardés. A primeira delas celebrouse o martes 16 de xuño nas praias de Fedorento e Area Grande, coa participación de persoas usuarias do obradoiro “Cultiva a mente”, impartido por AFAGA, do concello da Guarda e alumnado de 6º curso do CPR Padres Somascos – Fundación Edúcere.
A segunda xornada tivo lugar o mércores 17 de xuño nas praias da zona portuaria da Guarda. Nesta ocasión participaron persoas usuarias das iniciativas desenvolvidas por AFAGA dos concellos da Guarda e Tomiño, acompañadas por alumnado de 5º curso do CPR Padres Somascos – Fundación Edúcere.
Estas actividades permitiron combinar o coidado do medio ambiente coa convivencia e a participación interxeracional, favorecendo espazos de encontro entre persoas de distintas idades e realidades, ao tempo que se promoveu a concienciación sobre a importancia de preservar os ecosistemas costeiros.
Durante a xornada do mércores estiveron presentes o tenente de alcalde da Guarda, Óscar Alonso, e a técnica municipal de Medio Ambiente, Tamara Otero, quen aproveitou a actividade para ofrecer ás persoas participantes unha serie de recomendacións sobre a correcta separación dos residuos e a importancia dunha adecuada xestión dos mesmos para reducir o seu impacto ambiental.
Este tipo de iniciativas contribúen non só á conservación do litoral e á mellora dos espazos naturais, senón tamén á promoción da inclusión social, a participación comunitaria e a sensibilización cidadá arredor de cuestións tan relevantes como o coidado do medio ambiente e o apoio ás persoas con demencia.

