O vindeiro 23 de abril celébrase o Día internacional do Libro e na Guarda unímonos a esta celebración a nivel mundial con variadas actividades entre as que destacan principalmente o desconto do 10% en libros durante todo o día nas librerías Cervantes, Atlántica, Ideas e Ler, así como o inicio da IV Ruta do Libro.
A ruta do libro é unha iniciativa que pretende fomentar o consumo de libros no noso comercio local, mediante a cal polo gasto mínimo de 30€ en libros poderase obter un agasallo a recoller na Biblioteca Municipal. As datas da campaña van do 23 de abril ao 25 de maio.
Ademais destas iniciativas de carácter comercial o mes de abril e de maio está repleto de actividades relacionadas coa literatura, así o 20 de abril ás 18:00h. unha obra de teatro de monicreques recupera as Fábulas da Montaña que escribira Concepción Arenal, e nas que se aprecia o enfoque diferenciado do punto femenino e autóctono fronte outras fábulas anteriores como as de Samaniego ou La Fontaine. Esta proposta está indicada para tódolos públicos a partir de 8 anos. No día 27 de abril ás 20,30h. será o momento de recuperar a figura de Emilia Pardo Bazán, cunha proposta de narración oral na que a narradora Cris de Caldas unirá os contos da tradición oral das nosas avóas cos contos e historias de Doña Emilia. Ambas citas serán no Salón de Actos do Centro Cultural e non precisan de reserva previa.