A Guarda volverá render homenaxe á Virxe do Carme, patroa dos mariñeiros, os vindeiros 15 e 16 de xullo, cun programa que combinará actos relixiosos, tradición mariñeira e actividades musicais organizadas pola Comisión de Festas da Virxe do Carmen da Guarda.
A Festa da Virxe do Carme constitúe unha das celebracións máis importantes do calendario festivo guardés pola súa estreita vinculación co mar e coa nosa historia. A procesión, a homenaxe ás persoas do mar e a ofrenda floral aos náufragos converten esta cita nunha tradición moi arraigada que cada ano reúne a centos de veciños, veciñas e visitantes.
A programación arrancará o mércores 15 de xullo co pasarrúas do grupo de gaitas Do Lusco ó Fusco. Pola noite, a partir das 23:00 horas, celebrarase a gran verbena coa actuación da Orquestra Gran Parada, seguida da sesión musical de DJ Axel, DJ Tito e Romeu DJ.
O xoves 16 de xullo, festividade da Virxe do Carme, a Agrupación Musical da Guarda percorrerá as rúas da vila durante a mañá. Ás 11:30 horas celebrarase a tradicional procesión da Virxe do Carme, seguida da Misa Solemne, cantada polo Coral do Clube da Terceira Idade e Pensionistas da Guarda. Ao remate da celebración relixiosa realizarase a tradicional ofrenda floral aos náufragos dende a embarcación O Piueiro.
Pola tarde, ás 19:00 horas disputaranse as tradicionais Regatas de Gameliñas e Bateis, organizadas pola Asociación Piueiro e o Club de Remo Robaleira. A programación festiva concluirá pola noite, dende as 20:00 horas, coa gran verbena galega amenizada por Vento Mareiro e a Agrupación Musical da Guarda.
Dende o Concello da Guarda convidamos a todos os guardeses e guardesas a sumarse nesta celebración, unha das citas máis emblemáticas do calendario festivo local, que cada ano rende homenaxe á patroa das xentes do mar.

