- A Igrexa de Santa María Magdalena acolleu o acto de presentación dunha das citas gastronómicas máis destacadas do verán
O Concello da Guarda presentou oficialmente esta mañá en Ribadavia a XXXIV Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira, que se celebrará os días 3, 4 e 5 de xullo no Porto da Guarda.
O lugar escollido para a mesma foi a Igrexa de Santa María Magdalena, un enclave singular situado no corazón do casco histórico ribadaviense, que serviu de escenario para dar a coñecer unha das festas gastronómicas máis representativas da provincia e declarada Festa de Interese Turístico de Galicia.
O acto contou coa presenza do alcalde da Guarda, Roberto Carrero; o alcalde de Ribadavia, César Manuel Fernández; a concelleira de Turismo de Ribadavia, Yolanda Gómez; o tenente de alcaldía da Guarda, Óscar Alonso; a técnica de Turismo do Concello da Guarda, Rosalía Verde; e representantes dos restaurantes participantes nesta edición.
Durante a súa intervención, Roberto Carrero convidou a todos os presentes a achegarse á Guarda durante a primeira fin de semana de xullo para descubrir unha festa que constitúe un dos principais escaparates da gastronomía mariñeira guardesa e galega e que cada ano reúne a milleiros de persoas arredor dos mellores produtos do mar, destacando como protagonista a langosta en diferentes preparacións.
Pola súa banda, o alcalde de Ribadavia, César Manuel Fernández, agradeceu que a vila fose escollida para acoller a presentación desta cita gastronómica, destacando a colaboración entre concellos para promover os recursos turísticos e culturais dos seus territorios.
Ao remate do acto, as persoas asistentes puideron degustar unha mostra dos produtos que serán protagonistas da festa, da man dos restaurantes O Roxo, O Cangrexal, Xeito e Casa Olga, que volverán ofrecer durante a celebración unha ampla variedade de elaboracións centradas nos mellores sabores do mar.
A XXXIV Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira celebrarase os días 3, 4 e 5 de xullo no Porto da Guarda, consolidándose un ano máis como unha cita imprescindible para os amantes da gastronomía e da tradición mariñeira.

