A infancia toma a palabra no Rosal para construír un concello á súa medida

Redacción

O grupo de participación infantil e xuvenil Fogaric@s compartiu as reivindicacións nas que leva traballando todo o ano nun pleno infantil no que participaron máis de 100 estudantes rosaleiros

A actividade, organizada con motivo do Día Mundial da Infancia, permitiu poñer sobre a mesa propostas sobre transporte, sanidade, mobilidade, cultura, igualdade e espazos de estudo

A infancia do Rosal ten voz propia, ideas para mellorar o seu municipio e moito que dicir sobre as decisións que afectan á súa vida cotiá. Así o demostraron as e os integrantes do grupo de participación infantil e xuvenil rosaleiro Fogaric@s, que levaron as súas propostas a un novo pleno infantil no auditorio municipal ante máis de 100 alumnos e alumnas rosaleiros, cos que compartiron as reivindicacións e propostas nas que levan traballando ao longo de todo o ano.
A sesión celebrouse no marco da conmemoración do Día Mundial da Infancia, o vindeiro 20 de novembro, unha data que reivindica a importancia de garantir os dereitos dos nenos, nenas e adolescentes, entre eles o de expresar libremente as súas opinións e participar nas decisións que lles afectan. O encontro converteuse nun espazo para dar visibilidade ao traballo desenvolvido por Fogaric@s e achegar ao alumnado a importancia da participación cidadá desde as primeiras idades.
A mobilidade e o transporte público ocuparon un lugar destacado nas intervencións. Fogaric@s puxo sobre a mesa as dificultades para desprazarse de maneira autónoma, a necesidade de mellorar a accesibilidade dalgunhas beirarrúas e de contar cun transporte público que responda mellor ás necesidades da veciñanza. A defensa da sanidade pública e do dereito á participación foi outro dos asuntos abordados. O grupo reflexionou sobre as dificultades que poden atopar os nenos e nenas para participar nas mobilizacións sociais e propuxo medidas para facilitar a implicación cidadá, así como para apoiar ás persoas con familiares dependentes ao seu cargo ou ás persoas maiores que precisan axuda para realizar trámites relacionados coa atención sanitaria.
No ámbito do lecer, a cultura e a educación, as e os integrantes de Fogaric@s trasladaron propostas para deseñar unha programación cultural que responda aos seus intereses e gustos ou para mellorar os espazos de estudo e lecer da biblioteca municipal. A igualdade e a relación entre xeracións foron tamén protagonistas coa proposta de crear un mural feminista que permita reflexionar sobre os estereotipos de xénero desde a infancia ou poñer en valor o papel das avoas e das mulleres maiores do Rosal como transmisoras de experiencias, coñecementos e tradicións.
Máis alá das reivindicacións concretas, o pleno permitiu trasladar unha mensaxe fundamental ao alumnado presente no auditorio: a participación infantil e xuvenil é un dereito e unha ferramenta para transformar a realidade máis próxima. As rapazas e rapaces de Fogaric@s insistiron na importancia de que as súas propostas sexan escoitadas, valoradas e tidas en conta, e de que a súa participación poida traducirse en melloras reais para o municipio.

Comparte este artigo