As outras variedades presentadas por Cátering Arelas foron en salsa de setas e outra de curri.
O Concello da Lama volve decantarse pola preparación estofada con guarnición de patacas asadas, chícharos e cenorias para a XXII edición da Festa do Codillo que terá lugar baixo carpa na Alameda o vindeiro domingo 16 de xuño, a partir das 13:30 horas.
Tras realizar a pertinente cata, o xurado composto polo alcalde David Carrera, o tenente de alcalde José Fortes, o concelleiro de Cultura e Deportes, Plácido Pillado Alfaya e a concelleira de Servizos Sociais, Trinidad Fernández Oubiña, decidiron apostar novamente pola preparación estofada e con guarnición de patacas asadas, chícharos e cenorias.
A preparación elixida polo foi a que tradicionalmente ten mellor acollida entre o público, o Codillo Estofado, que nesta ocasión rivalizou en sabor co preparado en salsa salsa de curri, con arroz, frutos secos e cabaza; e a terceira, con setas, pisto e arroz. Estas tres modalidades foron preparadas pola cociñeira de Cátering Arelas, de Vincios (Gondomar), Rosa María Fragueiro, encargada de servir os pratos durante a xornada gastronómica.
Deste xeito e co fin de evitar acumulación de público e longas colas, ampliarase a venda anticipada dos tíckets, ata o 8 de xuño, a un prezo de 15 euros, nas oficinas do Concello e na Biblioteca e poderanse tamén retirar o mesmo día da Festa na Alameda.
A apertura dos stands de servizo de racións do codillo será polo tanto ás 13:30 horas co fin de axilizar ao máximo a súa repartición e evitar aglomeracións innecesarias. Manterase aberto ata esgotar existencias e servirase ata as 15 horas.
A INFLACIÓN OBRIGA A VOLVER A POÑER O PREZO EN 15 EUROS
Asimismo, e debido ao aumento do IPC e do custe da vida, o Concello da Lama veuse na obriga de situar en 15 euros o prezo definitivo do pack desta festa gastronómica que, ademais do codillo estofado, o adquiriente do tícket ten dereito a un anaco de pan, cubertos e un prato de barro conmemorativo do evento, que os comensais poderán levar como recordo; así como a bebida.
ACTUACIÓN DOS CATRO VENTOS, A CHARANGA CHARANDONGA E A BANDA DE MÚSICA MUNICIPAL DA LAMA
Ademais da actividade meramente gastronómica, a XXII Festa do Codillo estará amenizada musicalmente falando pola Banda de Gaitas “Os Catro Ventos” e a Charanga “Charandonga”. Pola tarde, a Banda Música Municipal da Lama ofrecerá un concerto, a partir das 20 horas, na propia Alameda.

