O programa de extensión bibliotecaria do Concello de Soutomaior amplía a súa programación semanal e levará libros, contos e actividades culturais a catro espazos de lecer entre o 24 de xuño e o 18 de setembro, coa incorporación este ano dunha nova parada no Parque de Aranza.
Esta mañá a concelleira de Cultura, Silvia Cernadas, a bibliotecaria da Biblioteca Municipal Luís Seoane, Patricia R. Saavedra, presentaron unha nova edición do Biblioverán. Unha iniciativa que reforza este ano a súa presenza no municipio coa incorporación dun novo día de actividade semanal e unha nova localización. A edición de 2026 suma os luns no Parque de Aranza(Soutomaior), na zona do Chiringuito ampliando así a súa programación e achegando a lectura a máis espazos de encontro e lecer durante os meses de verán.
O programa, premiado e que vén de gañar o premio Bibliotecas que Inspiran da Xunta de Galicia, desenvolverase do 24 de xuño ao 18 de setembro e manterá o seu horario habitual de 17:30 a 20:00 h. Ademais da nova cita dos luns en Aranza, o servizo estará presente os martes na praia do Peirao, en Arcade; os mércores na praia da Veiguiña Longa, en Comboa; e os xoves na praia da Xunqueira, tamén en Arcade. Podes consultar toda a programación en https://soutomaior.gal/programacion-de-biblioveran-2026/
A concelleira de Cultura, Silvia Cernadas, destacou que esta ampliación responde á boa acollida que o programa recibe cada verán. “O Biblioverán é unha das iniciativas máis consolidadas da nosa programación estival e este ano damos un paso máis para achegar a lectura e a actividade cultural a un maior número de persoas e espazos do concello”, sinalou.
Ao longo do verán, cada unha das localizacións acollerá propostas de animación á lectura, contacontos, xogos e actividades creativas que irán variando semana a semana, configurando unha programación dinámica e participativa pensada para o público familiar.
O obxectivo principal do Biblioverán é fomentar o hábito lector durante a época estival, facilitando o acceso aos servizos bibliotecarios, como prestamos de libros, devolucións ou lectura in situ, sen necesidade de desprazarse ao edificio da biblioteca.
Desde a Concellería de Cultura e a Biblioteca Municipal Luís Seoane destacan a importancia de continuar impulsando iniciativas que acheguen a lectura á cidadanía e reforcen o papel da biblioteca como un servizo público aberto, accesible e próximo.

