A maxistrada María Belén Rubido de la Torre falará da violencia dixital e os riscos dos deepfakes na vindeira xornada de Igualdade do Concello do Porriño

Redacción
Lectura mínima de 3

● Será o xoves, 23 de abril ás 17 horas no salón de Plenos do Concello do Porriño

O Concello do Porriño dá continuidade ao ciclo de xornadas “Igualdade, muller e dereitos: realidades e desafíos” coa celebración da súa segunda sesión, “Mulleres novas, violencia dixital e deepfakes” que terá lugar o vindeiro 23 de abril no Salón de Plenos municipal entre as 17:00 e as 19:30 horas.

A xornada, que correrá a cargo da maxistrada María Belén Rubido de la Torre, abordará unha das problemáticas máis actuais en materia de igualdade: o impacto das novas tecnoloxías nas novas formas de violencia de xénero, especialmente entre a mocidade.

Trataranse cuestións como a proliferación dos deepfakes, o acoso dixital e os retos que supón a protección dos dereitos das mulleres no ámbito tecnolóxico.

María Belén Rubido de la Torre

Maxistrada da Audiencia Provincial de Pontevedra e especializada en violencia sobre a muller, conta cunha ampla carreira xudicial desde o ano 2000. Ao longo da súa traxectoria desempeñou funcións en distintos xulgados, entre eles o Xulgado de Instrución nº 4 de Vigo e o Xulgado do Penal nº 4 de Pontevedra, este último especializado en violencia de xénero.

Ademais, foi decana dos xulgados de Pontevedra e parte da Rede de Especialistas en Igualdade do Consello Xeral do Poder Xudicial. A súa actividade profesional complétase cunha intensa labor docente e divulgativa en materia de igualdade, perspectiva de xénero, violencia sexual e trata de seres humanos, participando en cursos, congresos e formacións tanto a nivel estatal como internacional. A súa traxectoria consolídaa como a poñente ideal para esta xornada, adicada á concienciación sobre as novas formas de violencia contra a muller.

O Porriño, comprometido cos dereitos das mulleres

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, subliñou que “é fundamental abrir espazos de reflexión sobre os novos retos que afronta a igualdade, especialmente nun contexto no que as tecnoloxías están a transformar tamén as formas de violencia”. Lorenzo tamén recalcou a aposta do municipio pola divulgación e o debate nestes encontros “desde o Concello queremos pór a disposición da cidadanía todas as ferramentas de coñecemento e sensibilización que estean ao noso alcance”.

Mediante esta iniciativa o Concello do Porriño enmárcase no compromiso coa igualdade de xénero, creando espazos de concienciación nos que a cidadanía pode participar libremente.
Estes encontros achegan múltiples puntos de vista que permiten afondar na desigualdade e debater sobre como afrontar os desafíos actuais nesta materia.

A participación é aberta ao público, previa inscrición, e poderá formalizarse no rexistro do Concello ou a través do correo electrónico igualdade@oporrino.org.

Con esta nova xornada, O Porriño reafirma a súa aposta por abordar cuestións clave para avanzar cara a unha sociedade máis xusta, igualitaria e respectuosa.

Comparte este artigo