A Mesa de Convivencia entre sector agrícola e veciñanza de Tomiño reclama á Xunta unha resposta conxunta á problemática das moscas

Redacción

O encontro dá continuidade ao acordo plenario aprobado por unanimidade en maio no que se reclama unha estratexia baseada no rigor técnico e a coordinación e o diálogo entre administracións

O Concello solicitará unha reunión coa Consellería de Medio Ambiente

As solucións compartidas e o traballo conxunto entre administracións volven situarse no centro da resposta dun problema que preocupa á veciñanza de Tomiño. O Concello celebrou unha nova reunión da Mesa de Convivencia entre o sector agrícola e a veciñanza, un espazo de diálogo constituído no ano 2023 e no que participan tamén comunidades de montes, traídas de augas, persoal experto e representantes da Xunta de Galicia, co obxectivo de abordar de maneira coordinada a problemática das eclosións de moscas rexistradas no municipio, especialmente nas zonas próximas ao río Miño.

No encontro analizouse o acordo aprobado por unanimidade no Pleno municipal do pasado mes de maio e acordouse dar un novo paso institucional coa solicitude dunha reunión coa Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia, co fin de trasladar directamente a situación e avanzar na definición de medidas conxuntas.

Como xa recollía o acordo plenario, a Mesa subliñou que non se trata dun fenómeno illado nin recente, senón dunha problemática que tamén se produce noutros concellos galegos e que require unha resposta coordinada, baseada en datos científicos, no rigor técnico e no respecto ás competencias de cada administración.

Neste sentido, o Concello de Tomiño propón á Xunta de Galicia a colaboración para impulsar un proxecto piloto de Estratexia Territorial Integrada, que permita deseñar e aplicar solucións innovadoras, avaliables e replicables noutros territorios. O obxectivo é avanzar cara a un modelo de xestión máis eficaz, que integre a realidade ambiental, social e produtiva do territorio.

Así mesmo, o goberno local insta á Consellería de Medio Rural a reforzar as actuacións de asesoramento, inspección e control no uso de abonos e na xestión dos residuos agrícolas, co fin de garantir o cumprimento da normativa e reducir o impacto destas prácticas na contorna. Ademais, a Mesa de Convivencia tamén propuxo solicitar á Xunta que poña en marcha algún tipo de axuda ou solución técnica que permita aos gandeiros mellorar a xestión destes abonos, xa que na actualidade non poden eliminar eses restos de xeito rápido botándoo directamente no campo, unha medida que reduciu moito xa as eclosións de moscas o pasado ano.  

A Mesa da Convivencia volveu incidir na necesidade de compatibilizar a actividade agraria, esencial para a economía local, coa protección ambiental e a mellora da calidade de vida da veciñanza, apostando por solucións sostibles e acordadas. A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, recalcou que “este é un problema complexo que require responsabilidade institucional e cooperación real entre administracións. Só desde o diálogo e o rigor técnico poderemos avanzar cara a solucións eficaces e duradeiras que dean resposta ás preocupacións da veciñanza”.

A rexedora insistiu ademais en que “o Concello de Tomiño seguirá tendendo a man á Xunta de Galicia para traballar de forma conxunta, porque esta é unha cuestión que non admite respostas illadas e que precisa dunha estratexia común baseada en datos e na colaboración”.

Comparte este artigo