- Representantes do Concello, da Asociación de Empresarios da Guarda (ACIGU) e da Dirección Xeral de Comercio analizaron a situación actual do sector e as accións de dinamización desenvolvidas no municipio
O pasado mes de maio celebrouse na Casa Consistorial unha reunión da Mesa Local de Comercio da Guarda, un órgano consultivo que ten como finalidade analizar a situación do comercio local, avaliar as estratexias de dinamización desenvolvidas e establecer liñas de actuación para o futuro do sector.
Na reunión participaron o alcalde da Guarda, Roberto Carrero; o concelleiro de Cultura e Deportes, Celso Fariñas; a presidenta da Asociación de Empresarios de A Guarda (ACIGU C.C.A.), Carmen María García; e o xefe do Servizo de Entidades e Coordinación Comercial da Dirección Xeral de Comercio e Consumo, Fernando Vicente Davila.
Durante a sesión, Carmen María García trasladou aos asistentes un balance das campañas e actuacións desenvolvidas pola entidade que preside en favor do comercio local. Neste sentido, destacou que “considera que o comercio local na Guarda está nun bo momento”, facendo especial referencia ás feiras Outlet que se organizan ao longo do ano e que contribúen á dinamización das vendas e á promoción dos establecementos locais. Ademais, aproveitou a ocasión para trasladar ao equipo de goberno diversas cuestións e inquietudes formuladas polos comerciantes do municipio.
Pola súa banda, Fernando Vicente Davila felicitou tanto á Alcaldía como á Asociación de Empresarios polo seu compromiso coa dinamización do tecido comercial guardés. Así mesmo, incidiu na importancia de continuar impulsando accións de diversa índole que contribúan a fortalecer e promocionar o pequeno comercio, un sector fundamental para a economía local.
O alcalde, Roberto Carrero, compartiu a valoración positiva sobre a situación actual do comercio na Guarda, que considera que atravesa un bo momento de crecemento. Carrero sinalou tamén que accións de promoción exterior como a presenza da Guarda en FITUR contribúen a aumentar a visibilidade do municipio e, consecuentemente, a beneficiar ao conxunto do tecido económico local.
Ademais, puxo en valor a campaña de promoción do comercio local que o Concello está a desenvolver mediante visitas institucionais ás novas aperturas e aos establecementos que experimentan cambios de xerencia, co obxectivo de apoiar e dar visibilidade aos proxectos empresariais que inician unha nova etapa na vila.
A Mesa Local de Comercio constitúe un espazo de encontro e colaboración entre as administracións e os representantes do sector, permitindo compartir impresións, propostas e iniciativas que contribúan ao fortalecemento e desenvolvemento do comercio local da Guarda.

