A música de Pakolas protagoniza a actividade “O Galego En-Canta na Lama” celebrado no Día das Bibliotecas

adminON
Lectura mínima de 3

Esta actividade de dinamización lingüística estivo organizada polo Concello a través da Axencia de Lectura Municipal e a OMIX e conta coa colaboración económica da Deputación

O músico e cantante Pakolas co seu espectáculo “Rockeando con Ramona Órbita” protagonizou no colexido da Lama a actividade de dinamización lingüística “O galego en-canta na Lama” organizada polo Concello da Lama a través da Axencia de Lectura Municipal e a Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) coincidindo coa conmemoración internacional do Día das Bibliotecas.

“O galego en-canta na Lama” é unha iniciativa do Concello, que conta co apoio económico da Deputación de Pontevedra, para promocionar o uso do galego entre as novas xeracións de aí que se realizara este espectáculo e dous obradoiros de chapas e impresión en 3D no CEIP da Lama, en colaboración co corpo directivo do centro educativo e a ANPA Cal do Vergazo.

Pakolas e a ilustradora Laura Romero achegaron ao nenos e nenas do colexio e tamén a algúns pais e nais de alumnos do centro, así como ao alcalde da Lama, David Carrera, o concelleiro de Cultura e Deportes, Plácido Pillado, e de Asuntos Sociais, Trinidad Fernández, un espectáculo baseado na interacción e participación do público a través da súa música.

Pakolas foi intercalando cancións coa historia de Ramona Órbita, unha muller labreg, que posúe unha guitarra cibernética e unha máquina do tempo, o seu mellar invento. Con ela viaxa ao futuro e ao pasado na procura de tecnoloxía para crear un mundo mellor, máis ecolóxico e con enerxías limpas.

Así, a través das cancións e a narración, Pakolas foi levando a audiencia por diferentes épocas da man de Ramona que viaxa á prehistoria a comer churrasco de mamut con Manolo Cavernario que acaba de descubrir o lume e tamén cara ao futuro na que cantou por unha sociedade mais ecolóxica e concienciada co respecto e coidado á natureza.

Ao tempo que ía avanzando o espectáculo e presentanto a novos personaxes, a ilustradora Laura Romero ía plasmando nun cadro mural a todos eles levantando a admiración do público presente. Este debuxo e un libro de Pakolas quedaron ao final do espectáculo en depósito para a biblioteca do colexio.

Unha vez rematado o espectáculo, por quendas, alumnos de 5º e 6º de Primaria participaron en dous obradoiros de chapas e 3D relacionados coa actividade “O galego en-canta na Lama”.

Finalmente, sinalar que segundo un estudio realizado polo prestixioso investigador lingüístico Xulio Sousa, membro do Instituto da Lingua Galega da Univeridade de Santiago (USC), a Lama é o municipio no que se fala un galego máis parecido ao estándar e normativo. En concreto, afirma que o galego oral deste concello presenta unha simillitude dun 82,9% respecto da variedade máis normativa.

Comparte este artigo