Soutomaior situouse o pasado ano no TOP 5 das 32 oficinas da Rede de Oficinas de Turismo de Turismo Rías Baixas, a pesar de contar cun período de apertura inferior ao doutras oficinas da provincia
A Oficina de Turismo de Soutomaior afronta a recta final da tempada cunhas cifras que apuntan a un novo verán de récord. Desde o pasado 1 de abril, un total de 20.401 persoas pasaron xa pola oficina municipal, unha cifra que supera en máis de 4.000 visitantes os datos do ano pasado.
Os datos cobran aínda máis relevancia tendo en conta que 2025 foi o mellor ano da historia da Oficina de Turismo de Soutomaior, con máis de 24.278 persoas atendidas ao longo de toda a tempada de verán. As previsións para este 2026 apuntan a que esta cifra será amplamente superada, consolidando a oficina como un dos principais puntos de información turística da provincia.
A este incremento no número de visitantes súmase tamén unha ampliación do período de apertura da oficina, que este ano presta servizo desde o 1 de abril ata o 15 de outubro. Esta maior presenza permite ofrecer atención durante máis meses e dar resposta ao incremento progresivo do número de visitantes que escolle Soutomaior como destino.
Soutomaior, no TOP 5 provincial das oficinas de Turismo Rías Baixas
A evolución da Oficina de Turismo de Soutomaior vén avalada tamén polos datos da Rede de Oficinas de Turismo de Turismo Rías Baixas. No ano pasado, Soutomaior conseguiu situarse no TOP 5 das 32 oficinas integradas nesta rede e repartidas por toda a provincia de Pontevedra en número de visitantes atendidos.
En concreto, as cinco oficinas con maior número de visitas foron Baiona, Vilagarcía de Arousa, a sede de Turismo Rías Baixas en Pontevedra, Tui e Soutomaior, que ocupou a quinta posición provincial.
Desde o Concello destacan especialmente este resultado tendo en conta que a Oficina de Turismo de Soutomaior conta cun período de apertura máis reducido que outras oficinas da rede, que permanecen abertas durante todo o ano. Por este motivo, situarse entre as cinco oficinas con maior número de visitantes da provincia considérase un dato especialmente positivo e unha mostra do crecente interese turístico que está a experimentar o municipio.
O Camiño de Santiago, unha oportunidade para Soutomaior
A concelleira de Turismo, Silvia Cernadas, destacou esta mañá que estes datos demostran “o potencial turístico que ten Soutomaior e a importancia de seguir apostando por ofrecer unha atención de calidade ás persoas que nos visitan”.
“O Camiño de Santiago é unha oportunidade para o turismo e para a economía de Soutomaior. Somos conscientes diso e por iso estamos traballando para mellorar a nosa Oficina de Turismo, que é esa primeira cara que atopan os milleiros de peregrinas e peregrinos que pasan polo noso municipio”, sinalou Cernadas.
A responsable municipal explicou que o obxectivo non é unicamente atender ás persoas que chegan a Soutomaior, senón conseguir que “a súa experiencia sexa tan boa que queiran volver, que repitan e que recomenden Soutomaior como destino turístico”.
Neste sentido, a concelleira quixo poñer en valor o traballo desenvolvido polas técnicas de Turismo da oficina: “Quero agradecer enormemente o traballo que están facendo Mónica e Emma. O seu labor diario, a atención que prestan e o coñecemento do noso territorio están contribuíndo a que Soutomaior estea entrando na liga das mellores oficinas de turismo de toda a provincia”.
Desde o Concello salientan que o crecemento da actividade turística ten tamén unha repercusión directa na economía local, ao favorecer o consumo no comercio, na hostalaría e nos diferentes servizos vinculados ao turismo.
Con máis de 20.400 visitantes atendidos xa desde o mes de abril, e aínda con varias semanas de actividade por diante, Soutomaior encara os últimos meses da tempada cunhas previsións moi positivas e coa expectativa de pechar 2026 cun novo récord histórico de visitantes na Oficina de Turismo municipal.

