A Policía Local da Guarda informa de cortes puntuais de tráfico con motivo da procesión da Virxe do Carme

Redacción
  • As restricións de circulación estableceranse durante o paso da comitiva polas rúas do percorrido, a partir das 11:30 horas da mañá do xoves 16 de xullo

A Policía Local da Guarda informa de que, con motivo da celebración da procesión da Virxe do Carme, o vindeiro xoves 16 de xullo, realizaranse cortes puntuais de tráfico nas rúas afectadas polo percorrido da comitiva relixiosa.

A procesión dará comezo ás 11:30 horas, saíndo da Igrexa Parroquial e discorrendo polo seguinte itinerario: Praza da Igrexa, Méndez Núñez, Oliva, Rúa do Medio, Muro, Chan de Conde, Paseo Marítimo e Vial do Porto, rematando na carpa instalada na zona portuaria, onde terá lugar a Misa Solemne.     

Unha vez finalizada a celebración relixiosa, aproximadamente ás 13:00 horas, iniciarase a procesión de regreso ao templo parroquial, que percorrerá o seguinte itinerario: Vial do Porto, Paseo Marítimo, Chan de Conde, Concepción Arenal, Brasilino Álvarez, Praza Nova, Antonio Alonso e rúa Vicenta Rodríguez Chantada, ata a igrexa parroquial.        

Durante o desenvolvemento de ambos percorridos estableceranse restricións temporais ao tráfico e poderán producirse retencións puntuais nas rúas incluídas nos percorridos e nas súas inmediacións. A circulación irase restablecendo de forma progresiva unha vez avance a comitiva.   

O Concello da Guarda agradece a colaboración da veciñanza e das persoas visitantes para garantir o correcto desenvolvemento desta celebración, unha das citas máis importantes do calendario festivo da Guarda.

Comparte este artigo