A quinta edición da Feira do Libro de Soutomaior chega pisando forte e con moitas actividades

Redacción
Lectura mínima de 6
  • Unha feira do libro que centrará a súa programación nos días 25 e 26 de abril con actividades, todas elas, de balde.
  • Este ano esta Feira, debido as obras de humanización en Talo Río, celebrarase no Multiúsos aínda que tamén terá outros escenarios coma a Biblioteca Luís Seoane.
  • Unha Feira do Libro que este ano contará cunha actividade moi especial, o 26 de abril, na Adega Noelia Bebelia, unha cita onde se porá en valor a cultura do viño en Soutomaior.

 Todo listo para dar o pistoletazo de saída a 5ª edición da Feira do Libro en Soutomaior. A concelleira de Cultura, Silvia Cernadas, presentou hoxe a ampla programación coa que esta Feira aterra no concello neste 2026.  

A celebración comezará en Arcade o propio Día do Libro, o 23 de abril, ás 20.30 h. na Biblioteca Municipal Luís Seoane co espectáculo de narración oral ‘Non sei se foi verdade ou se o lin nun libro’ de Ángeles Goás. Unha cita destinada a público adulto.

O día 25 de abril o día comezará ben cedo, ás 10:30h., coa animación de rúa ‘Máis Ritmo’ a cargo de Trío Detrés unha cita que percorrerá as rúas da vila dende o Cruce de Pierres ata o Multiúsos. Unha vez chegados ao Multiúsos para esta Feira do Libro teremos un sinfín de actividades dende as 11:30 ata as 20.15h. Para isto, o Multiúsos contará coa presenza dos diferentes espazos desta Feira, de tal xeito contará co: Espazo Editorial, do que formarán parte as once editoriais que aterrarán nesta Feira do Libro (Antela Editorial, Edimaes Editorial, Boadicea Editora, Cuarto de Inverno, Belagua Ediciones, Galaxia, Editorial Elvira, Através Editora, Hércules Ediciones, Cooperativa Gráfica Sacauntos e Aira); tamén estará o Espazo Lector con charlas coloquios, presentacións de libro; o Espazo Enreda con xogos e actividades de dinamización da Feira; o Espazo Escenario onde terán lugar os espectáculos; o Espazo Artístico onde botar a voar a creatividade, diversidade, pluradidade,, responsabilidade, receptividade e compromiso para visibilizar o diferente; o Espazo Bebeteca destinado a crianzas de 0 a 3 anos e o Espazo Petit Furgo onde gozar e divertirse co mundo da lectura. Todo amparado polo programa municipal Soutomaior Inclusivo.

A concelleira Silvia Cernadas, dixo que este ano chega “unha Feira do Libro que, como a do ano pasado, demostra a relevancia que neste goberno lle damos ao mundo da cultura e dos libros e que está pensada para o desfrute de todas as persoas, desde bebés ata público adulto. Unha feira do libro que cada ano se vai consolidando, este ano temos máis editoriais ca nunca máis presentacións de libros ca nunca e temos unha actividade moi especial o domingo 26 para poñer en valor a cultura do viño en Soutomaior”.

Unha feira pola que terán lugar a presentación do libro ‘Netchu. O neno momia’ de Baltar Morgade Lores, o obradoiro ‘Poemarios de peto’ de Donde Viven los cuentos, a presentación do libro en galego ‘Gorrións e Falcóns’ de Carmen Blanco Sanjurjo, a presentación do libro ‘Bego e o mundo do revés’ de Iria Collazo e espectáculo con Vero Rilo e Luís Iglesias, o contacontos infantil ´Lola Feroz’ con Juan Baquero, a presentación do libro ‘Tras os pasos de Castelao na Bretaña’ ou o espectáculo ‘Alicia!’ de Teatro Pedras de Cartón.

Todo na compaña de moitas actividades ao longo de toda a xornada tales como o ‘Pasaporte lector’, `Cita a cegas cun libro na Petit Fugo´ (para público infantil, xuvenil e adulto) ou o espazo artístico con ilustracións de postais lectoras.

Xa na xornada do domingo 26 de abril terá lugar unha actividade moi especial na Adega Noelia Bebelia, “Fontes das que beber”, unha cita onde entre as viñas, cun ambiente aberto e luminoso as e os asistentes terán a oportunidade de visitar o espazo da adega, participar nun obradoiro de banda deseñada e humor gráfico con Kiko Dasilva e tamén coñecer a riqueza que albergar a cultura do viño coa vista cunha degustación de viño e petiscos con Noelia Bebelia. Para esta actividade , tamén de balde, é preciso inscribirse dende mañá, sábado 18 abril ás 9:30h. en https://soutomaior.gal/actividades/ as prazas son limitadas.

Dende o Concello convidan a todo o mundo a que veñan a desfrutar e a gozar da Feira do Libro de Soutomaior, e animan a que todo o que se suba ás redes sociais deste evento se faga baixo o hashtag #FeiraDoLibroDeSoutomaior.

Comparte este artigo