HomePontevedraA RAG felicita a Redondela como primeiro concello en incluír a toponimia...

A RAG felicita a Redondela como primeiro concello en incluír a toponimia como bens patrimonial no PXOM

- Anuncio -spot_img

– A alcaldesa Digna Rivas presentoulles aos responsables da RAG o traballo realizado en materia de toponimia, como as publicacións dos libros da microtoponimia das parroquias de Redondela, a web Toponimia de Redondela, e a  inclusión da toponimia dentro do catálogo de bens patrimoniais do PXOM.

– O presiente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, felicitou ao Concello de Redondela “pola súa aposta decidida na defensa e promoción da lingua e cultura galegas, sendo pioneiro neste eido”. Freixanes salientou especialmente o feito de que Redondela inclúa a toponimia como patrimonio no seu PXOM. Trátase do primeiro concello galego en facelo “e esta iniciativa hónravos”, díxolle á alcaldesa.

O Concello de Redondela recibiu esta tarde a visita do presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes xunto con Henrique Monteagudo, vicesecretario, e Gonzalo Navaza, membro do Seminario de Onomástica da RAG e especialista en toponimia. A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, e a concelleira de Cultura, Rita Pérez Táboas, recibiron aos responsables da RAG para abordar cuestións relacionadas coa toponimia.

A alcaldesa presentoulles o traballo realizado polo Concello de Redondela nos últimos anos para a recuperación e posta en valor dos topónimos do municipio. Entre outras cuestións destacaron o traballo de campo, estudos filolóxico e publicacións dos libros da microtoponimia das parroquias de Redondela. Xa hai nove publicacións realizadas “todas elas cunha moi boa acollida por parte da cidadanía”, sinalou Rivas, e este ano está previsto realizar as do Viso, Trasmañó e Reboreda.

Na xuntanza valorouse tamén de xeito moi positivo a creación da web Toponimia de Redondela, que recolle a explicación e orixe de máis de 2.000 microtopónimos. A páxina permite tamén a descarga dos libros de microtoponimia de balde e a ligazón para o mapa de Galicia Nomeada (proxecto da RAG e da Xunta de Galicia), no que Redondela colaborou coa identificación de máis de 3.000 microtopónimos. Rivas salientou o gran traballo feito na elaboración do Plan Xeral de Ordenación Municipal, aprobado inicialmente, e que inclúe a toponimia dentro do catálogo de bens patrimoniais.

Os responsables da RAG felicitaron ao Concello de Redondela “pola súa aposta decidida na defensa e promoción da lingua e cultura galegas, sendo unha administración pioneira neste eido”. Freixanes salientou especialmente o feito de que Redondela inclúa a toponimia dentro do catálogo de bens patrimoniais no seu PXOM. Trátase do primeiro concello de toda Galicia que o fai “e esta iniciativa para protexer este patrimonio é algo que honra a este Concello”.

Publicacións Relacionadas