– As obras na Planta de Transferencia de Sogama do Porriño obrigan aos camións que recollen o lixo en Redondela a trasladarse á planta de Vigo. O concelleiro Roberto Villar advirte que, “ante a dificultade para poder descargar os camións debido á saturación da planta, non se pode seguir facendo o baleirado dos colectores con regularidade”.
– Villar denuncia que malia o incremento de 300.000 euros ao ano na taxa que cobra Sogama ao Concello de Redondela “e o servizo é cada vez peor”, e que os problemas na recollida do lixo derivados da saturación das plantas de Sogama “é recorrente”.
A recollida dos residuos sólidos urbanos no municipio de Redondela está comprometida pola falta de capacidade de Sogama. O concelleiro de Infraestruturas e Sostibilidade, Roberto Villar, explica que o lixo que se recolle nos colectores é trasladado diariamente á Planta de Transferencia de Sogama no Porriño. A planta porriñesa está en obras, polo que Sogama decidiu que esta semana o lixo que se recolle en Redondela debe trasladarse á Planta de Transferencia de Vigo. Villar explica que esta planta está saturada, polo que varios dos camións que fan a recollida municipal do lixo en Redondela non puideron descargar. O concelleiro advirte que, “ao non poder descargar os camións na planta, non se pode seguir facendo o baleirado dos colectores con regularidade”. O goberno local lamenta que desde Sogama “non se ten notificado nin ao Concello nin á empresa concesionaria do servizo cal é o problema que afecta á descarga dos camións” e tampouco se coñece que medidas van tomar para corrixir esta situación “que precisa unha solución urxente”. Villar denuncia que a Xunta de Galicia e Sogama “non están a prestar un bo servizo á cidadanía, as instalacións son obsoletas, están colapsadas e non cumpren coa súa función na xestión dos residuos.” Villar denuncia que “o incremento da taxa de Sogama supón para o Concello case 300.000 euros máis ao ano, e o servizo é cada vez peor”.
O edil de Infraestruturas e Sostibilidade cuestiona tamén as críticas que o BNG de Redondela fai nas súas redes á empresa concesionaria do servizo municipal, culpándoa da falta de recollida dos colectores. Villar sinala que non é esta empresa a que incumpre o servizo, senón Sogama, e insta ao BNG a facer o seu labor de oposición e informarase de cal é a situación “antes de acusar á empresa concesionaria sen fundamento”.