HomePontevedraBaixo MiñoA senadora Carme da Silva visita Tomiño para abordar proxectos de interese...

A senadora Carme da Silva visita Tomiño para abordar proxectos de interese estatal

- Anuncio -spot_img

O Río Miño preséntase como eixo central de varios proxectos estratéxicos, destacando de xeito especial a Senda do Miño. Tamén se abordou o proxecto da Ponte Peonil Tomiño-Cerveira, de especial importancia no contexto da Eurocidade.  

Ademais, a senadora interesouse polo Parque Agroindustrial Transfronteirizo, un proxecto clave para o desenvolvemento social e económico do municipio.  

A pasada semana, a senadora nacionalista Carme da Silva visitou Tomiño para abordar diversos proxectos do Concello que levan anos en marcha, pero que precisan da colaboración doutras administracións para o seu desenvolvemento. 

Entre as iniciativas nas que se solicita a implicación do Goberno Central destacan proxectos locais como o desenvolvemento do Parque Agroindustrial Transfronteirizo ou a Ponte Peonil Tomiño-Cerveira, así como outras de escala máis comarcal como a Senda do Miño ou a preocupación entorno a problemática ambiental do río, a cal está compromentendo a súa biodiversidade. 

A senadora estivo acompañada pola alcaldesa, Sandra González, e por varios membros do grupo municipal do BNG. A rexedora destacou a importancia de que estas cuestións teñan voz en Madrid, “precisamos que dende o Goberno Central se nos apoie para seguir avanzando en proxectos estratéxicos que teñen como eixo central o río que nos une. Trátase da nosa identidade, do noso patrimonio natural e paisaxístico, e entorno a el vertebramos gran parte da nosa vida local e comarcal”. 

Un dos proxectos clave é a creación da Senda do Miño, a cal se presenta como un proxecto de gran valor ambiental, turístico e social. Trátase dun percorrido de aproximadamente 16 quilómetros que permitiría recuperar os antigos sendeiros e transformar a beira do río nun espazo de lecer accesible para toda a cidadanía. “Levamos moitos anos imaxinando esta senda e tocando nas portas de todas as Administracións. Sabemos que non é sinxelo pero seguiremos traballando para atopar o apoio económico que se necesita”, destaca a Alcaldesa, quen subliña a importancia desta infraestrutura para o territorio. 

“Esta senda non só ofrecería un espazo idóneo para a práctica de actividades como camiñar, andar en bicicleta ou correr, senón que tamén serviría para potenciar o contacto directo coa natureza e o desfrute da paisaxe fluvial” afirma a senadora do BNG. O proxecto, de especial interese para Tomiño e Tui, xorde co obxectivo de abrir a comarca ao río, promovendo o seu coidado e poñéndoo en valor como elemento vertebrador do territorio. 

Por outra banda, a senadora comprometeuse a seguir co traballo iniciado polo deputado Néstor Rego no Congreso, reclamando solucións ante a falta de cobertura móbil na zona. “A pasividade das compañías e da administración agrava este problema, a pesar das xestións e demandas que o Concello leva realizando desde 2020. Polo tanto, seguiremos demandando solucións en Madrid a este respecto”.

Publicacións Relacionadas