A Xunta de Goberno Local do Concello de Ponteareas aprobou a licenza urbanística para a construción dun edificio de 49 vivendas no número 10 do Paseo Matutino. Trátase da primeira licenza para unha promoción residencial destas características que se concede no municipio en máis de dúas décadas.
O proxecto contempla un inmoble de cinco plantas, planta baixa e baixo cuberta, e supón un fito histórico para Ponteareas, que recupera a actividade promotora tras vinte anos sen novas promocións de vivenda colectiva. O último edificio residencial de nova construción destas características no casco urbano foi o situado na rúa Lamazáns, cuxa licenza foi concedida no ano 2006. Desde entón, Ponteareas non volvera autorizar unha promoción residencial desta entidade, polo que esta aprobación marca un punto de inflexión para o municipio.
A concelleira de Urbanismo, Silvia F. Táboas, destacou que “o acceso á vivenda é un dos grandes retos que teñen hoxe as administracións. Esta non é unha licenza máis; é a primeira promoción residencial que Ponteareas autoriza en máis de vinte anos”, puntualiza. Dende Urbanismo confían en que “sexa a primeira de moitas e que contribúa a incrementar a oferta de vivenda, atraer investimento e xerar novas oportunidades para Ponteareas.”
Nos últimos anos, Ponteareas experimentou un importante crecemento demográfico, consolidándose como un dos municipios máis dinámicos da área metropolitana de Vigo. Esa evolución fai imprescindible recuperar a construción de nova vivenda para dar resposta ás necesidades actuais e futuras da poboación.
Pola súa parte a alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, destacou que “Ponteareas da un paso moi importante para o seu futuro”. Engadiu que esta licenza demostra que o noso municipio “volve xerar confianza e oportunidade”. Dende o concello amosan o seu desexo de seguir traballando para que cheguen novos investimentos, “se constrúan máis vivendas e Ponteareas continúe medrando de forma ordenada e con calidade de vida para toda a veciñanza.”

