Nove nenas e nenos saharauís desfrutarán este verán en Tomiño dunhas ‘Vacacións en Paz’

Redacción

A alcaldesa recibiu á rapazada e ás familias que participan neste programa da asociación SOGAPS, fortalecendo lazos de solidariedade e aprendizaxe

Desfrutar dunhas ‘Vacacións en Paz’ este verán. Así o farán os 9 nenos e nenas saharauís procedentes dos campamentos de refuxiados de Tinduf, no deserto do Sáhara, que pasarán dous meses en Tomiño compartindo fogar, xogos e afectos con familias tomiñesas ao abeiro do programa impulsado pola Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS).

A alcaldesa, Sandra González, recibiu á rapazada e ás familias de acollida nun encontro no que quixo destacar o profundo significado desta iniciativa. “Estes nenos e nenas chegan aquí buscando algo tan sinxelo e tan importante como un verán tranquilo, afastado das temperaturas extremas e das carencias dos campamentos. Pero o que atopan en Tomiño é moito máis: atopan agarimo, coidado e a oportunidade de ser nenos sen máis preocupación que xogar e sorrir”, afirmou a rexedora.

Durante os meses de xullo e agosto, as pequenas e pequenos terán acceso a atención médica, alimentación equilibrada, actividades de lecer e a posibilidade de mellorar o galego e o castelán, todo nun ambiente familiar que lles abrirá novas perspectivas culturais e sociais. Un tempo que tamén deixa unha pegada fonda nas familias tomiñesas.

Este programa posto en marcha por SOGAPS permite á rapazada participante afastarse durante unhas semanas dun conflito enquistado e dun clima que supera os 50 graos en verán, vivindo experiencias que lles quedarán para sempre na memoria. Moitas destas acollidas convértense en relacións duradeiras que fortalecen lazos de amizade e compromiso entre Galicia e o pobo saharauí.

Con iniciativas como ‘Vacacións en Paz’, Tomiño reafirma o seu compromiso cunha solidariedade activa, que tende pontes entre pobos e que aposta polo benestar e os dereitos da infancia, sen importar as fronteiras. 

Comparte este artigo