A Universidade de Vigo, a Asociación de Alfombristas e o Concello de Ponteareas impulsan “Caminar juntos”, unha experiencia accesible e inclusiva do Corpus Christi

Redacción

O proxecto incorpora unha app con audioguía sensorial intelixente para achegar as alfombras florais a persoas con discapacidade visual, auditiva ou cognitiva

Ponteareas dá un novo paso na innovación aplicada ao patrimonio cultural coa posta en marcha de “Caminar juntos”, un proxecto desenvolvido conxuntamente pola Universidade de Vigo, a Asociación de Alfombristas do Corpus Christi e o Concello co obxectivo de facer máis accesible, inclusiva e participativa a experiencia do Corpus Christi.

A iniciativa, ideada polo ponteareán José Mera Cuevas, conta coa colaboración da Universidade de Vigo a través de Arno Formella, director da Escola Superior de Enxeñaría Informática, e do doutorando Thiago Torres Castro. José Mera confesou que “este proxecto demostra que as ideas que nacen da xente deste pobo poden saír adiante cando contan con apoio e colaboración”.

A principal innovación consiste nunha audioguía sensorial intelixente que se activa automaticamente mediante balizas BLE distribuídas ao longo do percorrido das alfombras florais. Grazas a este sistema, as persoas usuarias reciben información contextual adaptada en formato audio ou texto, facilitando a orientación e a comprensión da historia, significado e valor artístico das alfombras.

Miguel García, presidente da Asociación de Alfombristas do Corpus Christi, explicou que a aplicación “é o primeiro paso dun proxecto moito máis ambicioso baixo o nome de ‘Sentir o Corpus’, co que queremos avanzar na inclusión das persoas con discapacidade visual e auditiva e permitir que vivan a festa dunha forma máis completa e autónoma”.

Pola súa banda, Arno Formella destacou que a ferramenta “permite que a información chegue automaticamente ás persoas usuarias a medida que avanzan polo percorrido, ofrecendo unha experiencia máis accesible, autónoma e inclusiva”. O responsable universitario sinalou ademais que se trata dun prototipo actualmente dispoñible para dispositivos Android que continuará evolucionando en futuras fases.

O concelleiro de novas tecnoloxías, Cristian Montes detallou que “levamos anos traballando para achegar a innovación ás nosas tradicións. Comezamos co proxecto de ‘Corpus Dixital’, coa retransmisión en streaming da elaboración das alfombras florais. Este ano incorporamos a gravación 360º da celebración do Corpus, que permitirá desfrutar dunha experiencia inmersiva única. E hoxe presentamos esta aplicación. Este é só o primeiro paso e seguirase mellorando e incorporando progresivamente novas funcionalidades que permitan dar resposta ás necesidades de máis colectivos, facendo que a tecnoloxía sexa unha verdadeira ferramenta de inclusión e participación”.

A alcaldesa destacou que “esta aplicación é moito máis ca unha ferramenta tecnolóxica xa que permite abrir o Corpus a máis persoas, facelo máis inclusivo, máis accesible e máis humano”. A rexedora subliñou que o proxecto facilitará que persoas con discapacidade visual, auditiva ou cognitiva poidan achegarse ás alfombras florais dunha forma máis autónoma e enriquecedora e puxo esta iniciativa como exemplo da colaboración entre administracións, universidade, tecido asociativo e cidadanía para seguir consolidando un Corpus aberto, innovador e accesible.

Comparte este artigo