A Valedora do Pobo require por segunda vez ao Concello de Catoira información que o PSOE leva meses reclamando

Redacción

 O organismo lembra ao goberno local a súa obriga legal de colaborar e facilitar a documentación necesaria para o labor de control e fiscalización da oposición.

A Valedora do Pobo volve tirar das orellas ao goberno local de Catoira. O pasado 13 de outubro requiriu por segunda vez ao Concello a remisión urxente da documentación e dos informes solicitados, despois de non recibir resposta ao requirimento realizado o 7 de setembro.
Desde o PSOE de Catoira denunciamos unha situación moi grave e incompatible coa transparencia que debe rexer calquera administración pública. A oposición ten dereito a acceder á información municipal para exercer a súa labor de control e fiscalización, e o goberno local ten a obriga de facilitar esa documentación.
Resulta especialmente preocupante que a propia Valedora do Pobo tivese que lembrar ao Concello a súa obriga legal de enviar os informes requiridos e de prestar a colaboración necesaria nas investigacións deste organismo. Cando unha institución garante dos dereitos da cidadanía ten que intervir reiteradamente para obter información dun concello, estamos ante un claro exemplo de falta de transparencia e de respecto ás normas democráticas.
O PSOE de Catoira seguirá defendendo o dereito da veciñanza a unha administraciónn aberta, transparente e sometida ao control democrático, esixindo ao goberno local que facilite de inmediato toda a documentación solicitada e cumpra coas súas obrigas institucionais.

Comparte este artigo