A Xunta destaca o impulso de Ponteareas á conciliación familiar na inauguración da nova ludoteca

Redacción

Jacobo Rey sinalou a importancia da colaboración interinstitucional para poñer en marcha recursos públicos para a infancia e que contribúan a combater o reto demográfico

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, participou esta mañá xunto ao presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e a alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, na inauguración da nova ludoteca deste municipio. Tras o acto, destacou o impulso deste concello a favorecer a conciliación familiar e a facilitar a vida da veciñanza, especialmente con recursos impulsados para  a atención da infancia nos períodos non lectivos.

Jacobo Rey trasladou o compromiso da Xunta coa colaboración interinstitucional para poñer en marcha recursos que melloren a calidade de vida das familias. Con respecto a isto, explicou que o Goberno galego avoga pola posta en marcha de recursos ao longo da xeografía galega, xa que é esencial para afrontar o reto demográfico e asentar poboación en todo o territorio.

Deste xeito, o director xeral explicou que Galicia é unha comunidade referente na conciliación grazas a medidas pioneiras como a gratuidade da educación infantil 0-3 en todas as escolas ou a posta en marcha de casas niño no rural. A isto engadiu o Bono Concilia Familia, unha achega pioneira para contribuír a sufragar os custos dos servizos de coidado e atención dos máis novos nos períodos non lectivos.

Comparte este artigo