A Xunta instala 7 paneis divulgativos para informar e sensibilizar á cidadanía sobre o risco de inundación en distintos puntos do Rego de Pousadas, en Vilaboa

Redacción

O obxectivo de Augas de Galicia é advertir dos perigos asociados ás áreas de risco potencial significativo de inundación e dar a coñecer as medidas preventivas e as pautas de actuación recomendadas en caso de producirse algún episodio de desbordamento

A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de Augas de Galicia, instalou recentemente un total de 7 paneis informativos en diferentes puntos identificados polo risco de inundación no rego de Pousadas, ao seu paso polo concello de Vilaboa.

O obxectivo desta sinalización é concienciar á cidadanía sobre os perigos e implicacións asociadas a episodios de chuvia intensa así como sobre as medidas preventivas e pautas de actuación recomendadas en caso de que se produzan. En concreto, colocáronse 7 carteis de distintos tipos (4 reducidos, 2 xerais con 2 caras e 1 xeral con 1 cara) na Área de risco potencial significativo de inundación (Arpsi) rego de Pousadas-Vilaboa.

Segundo se recolle no Plan de Xestión do Risco de Inundación (PXRI) da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa, esta zona pertence ao grupo IV, que é aquel no que están incluídas as áreas fluviais de maior perigosidade desde o punto de vista da posibilidade de que se produzan desbordamentos.

Precisamente, a colocación destes elementos pretende mellorar a conciencia pública sobre a dinámica natural dos ríos e reforzar a seguridade e as medidas de protección da cidadanía. Trátase dun traballo enmarcado no Plan estratéxico de divulgación das áreas de risco potencial significativo de inundación (Pedarpsi) e que dá continuidade á instalación destes paneis noutras zonas sensibles de Galicia-Costa.

Deste xeito, cómpre lembrar que, ata o momento, Augas de Galicia colocou xa este tipo de indicadores en 33 concellos con áreas con alto risco de inundación dentro do seu territorio: Gondomar, Ames, Brión, Bueu, Sanxenxo, Vilagarcía de Arousa, Carnota, Vimianzo, Zas, Carballo, Ponteceso, Cabana de Bergantiños, Arteixo, Sada, Fene, Ferrol, Neda, Cedeira, As Pontes de García Rodríguez, Betanzos, A Pobra do Caramiñal, A Coruña, Baiona, Oia, Cambre, Culleredo, Oroso, Santiago de Compostela, Cuntis, Cambados, Ribadumia, Vilanova de Arousa e Vilaboa.

O organismo hidráulico adoita combinar nas zonas a sinalizar diferentes formatos e tipoloxías de carteis, como os xerais, os máis completos xa que inclúen información específica sobre a zona e o protocolo de actuación en caso de desbordamento, ou os infantís, cunha estética e linguaxe adaptadas á idade do público ao que van dirixidos.

Ademais, Augas de Galicia reforza deste xeito o compromiso coa prevención e xestión sostible de eventuais asolagamentos, en estreita colaboración coas administracións locais e autonómicas e cumprindo co PXRI vixente ata 2027, que está sendo sometido xa a revisión en aplicación da directiva comunitaria para a xestión do risco de inundación.

No caso concreto de Vilaboa, os traballos para instalar carteis na contorna do rego de Pousadas enmárcanse no contrato do organismo hidráulico autonómico para a prestación do servizo de concienciación e divulgación do risco de inundación e sinalización das áreas que se atopan nesta situación, que conta cun investimento global de preto de 700.000 euros.

Ao abeiro deste contrato e dentro do Pedarpsi cómpre lembrar que tamén se desenvolven obradoiros en centros de educación infantil e primaria existentes nas proximidades das áreas de risco potencial significativo de inundación para concienciar ás novas xeracións sobre os asolagamentos e a influencia que teñen as accións do ser humano nas contornas fluviais e no funcionamento das canles de auga.

Comparte este artigo