Destinaranse 52.000 euros a cambiar a actual cuberta e dotala de illamento térmico para que as instalacións gañen en eficiencia enerxética
O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, asinou hoxe un convenio de colaboración coa alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, para financiar obras de mellora no centro de día para persoas maiores do concello, pertencente á rede publica autonómica. A achega da Xunta a este acordo é de 52.000 euros.
A intervención consistirá na substitución da cuberta do inmoble. A nova cuberta dotarase, ademais, de illamento térmico para que as instalacións gañen en eficiencia enerxética. Así mesmo, ampliarase a cuberta da galería do centro para dispoñer dunha nova estancia exterior que permita aos usuarios facer activades no exterior protexidos da chuvia e do sol. A contratación dos traballos e a súa execución correrá a cargo do ente local.
Perfecto Rodríguez explicou que este é o momento máis axeitado para acometer esta actuación, aproveitando que o Concello está levando a cabo o cambio da cuberta da residencia de maiores, edificio contiguo ao centro de día. As dúas infraestruturas son de titularidade municipal.

