A Xuntanza Veciñal de Torroso pon en valor a convivencia e o traballo comunitario

Redacción

A iniciativa celebrarase o domingo 2 de agosto cunha programación que combina natureza, música, gastronomía, tradición e un recoñecemento ás comisións de festas da parroquia

O Concello de Mos colabora un ano máis coa celebración da Xuntanza Veciñal de Torroso, unha cita que se consolida como un dos encontros de convivencia máis representativos da parroquia e que terá lugar o domingo 2 de agosto nunha xornada pensada para tódalas as idades.

A actividade arrancará ás 9.00 horas cunha andaina. A partir das 12.00 horas comezará a programación musical coa actuación da Charanga Sacacorchos, seguida, ás 12.45 horas, do concerto de Turre’s Band. Ás 14.00 horas celebrarase o tradicional xantar veciñal.

A edición deste ano inclué un homenaxe ás comisións de festas da Virxe das Dores e de San Mamede de Torroso, en recoñecemento ao compromiso, ao esforzo voluntario e ao labor desenvolvido durante anos para manter vivas as tradicións e dinamizar a vida social da parroquia. Deste xeito, no acto distinguirase ás persoas que formaron parte de ambas comisións ao longo da súa historia.

Pola tarde continuará a programación cultural coa actuación do Grupo de Gaitas Son do Abrente ás 16.00 horas, seguida da actuación de Antonio Barros e Ialma ás 17.00 horas. Como peche, ás 18.30 horas, proxectarase a película “Rondallas”. Tamén haberá inchables para a cativada.

Desde o Concello de Mos anímase á veciñanza a participar nesta xornada, que representa un exemplo do valor do asociacionismo e do traballo colectivo como motores da vida comunitaria, contribuíndo a fortalecer a identidade da parroquia e a crear espazos de encontro entre veciños e veciñas.

O evento está organizado pola Comunidade de Montes de Torroso, a Asociación de Veciños de Torroso, o Centro Cultural Abrente, a Comisión da Virxe das Dores, a Comisión de San Mamede e o C.R.C.V. Torroso, coa colaboración do Concello de Mos e da Deputación de Pontevedra.

Comparte este artigo