Os días 5, 6 e 7 de abril Arcade acollerá a XXXVI edición da Festa da Ostra. Un evento realizado con moito agarimo e coidado que chegará a máis de 30 mil persoas e que contará cun programa de alto nivel que porá en valor o produto máis típico do concello de Soutomaior, concretamente da parroquia de Arcade.
Esta mañá o alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, o pregoeiro da XXXVI edición da Festa da Ostra, o escritor Manuel Lourenzo González, viticultores e hostaleiros do concello presentaron esta mañá a XXXVI edición da Festa da Ostra.
Manu Lourenzo dixo esta mañá que se trata dun evento feito “co maior dos agarimos e coidados, trátase dunha festa de unión que enxalzará o produto máis típico da parroquia de Arcade, unha festa de interese turístico á que convido a vir a todo o mundo a descubrir e degustar a Ostra e a coñecer todos os atractivos do noso concello”.
O pregoeiro desta edición foi o encargado de abrir, en acto simbólico, a primeira ostra desta festa, amosando así e deste xeito a súa vinculación e paixón con este produto.
Unha festa que arrincará o 31 de marzo coa celebración da Carreira Infantil da Ostra onde pequenas e pequenos de 5 anos ou menos (os máis pequenos irán acompañados por un adulto) ata os 14 anos poderán desfrutar desta cita co deporte. As inscricións serán de balde e en liña dende hoxe ata o 24 de marzo. Inscricións en: https://www.gabinetesoutomaior.com/index.php/axenda-municipal/vista-mensual/eventodetalle/3138/carreira-infantil-da-ostra-2024
O día 5 de abril a programación continuará coa entrega de galardón á ostreira Isabel Seoane Amoedo, a última ostreira de Arcade que traballou na Pedra, a imaxe do cartaz desta edición son as mans dela abrindo este produto tan vencellado coa súa vida.
Ás 20:00 h. dese venres 5 de abril será a quenda da charanga A CABEZA NON PARA e ás 22:30h. chegará o directo das orquestras MARBELLA e ORIGEN.
O 6 de abril o día comezará con actividade dende ás 11:00 coa actuación da charanga FANFARRIA FURRUXA, ás 12:00 h. abrirán as casetas de degustación da ostra e ás 20:00 h. será a quenda da charanga MEKANICA ROLLING BAND. Posteriormente, ás 22:30 h. actuarán as orquestras AMÉRICA DE VIGO e LA FÓRMULA coa tirada de foguetes de artificio.
O domingo 7 de abril o día comezará ben cediño ás 10:00 da mañá co pasarrúas da BANDA ARTÍSTICA DE ARCADE e BANDA CULTURAL DE ARCADE dende o Calvario ata o Peirao.
Ás 11:00 h. terá lugar a apertura de casetas de degustación, unha hora máis tarde, ás 13:00 h. terá lugar a lectura do pregón a cargo do escritor e profesor MANUEL LOURENZO GONZÁLEZ.
Unha festa que traerá consigo moitas actualidade que dende o concello de Soutomaior irán dando a coñecer e presentando nos vindeiros días.

