Aberta a inscrición para a San Silvestre 2026 a favor da Asociación de Saúde Mental Avelaíña

Redacción

• A recadación íntegra das cotas de inscrición destinarase a unha entidade de referencia na atención, rehabilitación psicosocial e acompañamento a persoas con problemas de saúde mental e ás súas familias.

• As persoas interesadas xa poden anotarse ata o vindeiro 26 de decembro a través da plataforma Deporticket para participar nesta cita solidaria do 31 de decembro.

O Concello de Ponteareas vén de abrir o prazo de inscrición para participar na San Silvestre de Ponteareas 2026, que nesta edición se celebrará a favor da Asociación de Saúde Mental Avelaíña. Todo o importe recadado coas cotas de inscrición será doado integramente a esta entidade para apoiar o seu labor social e asistencial na comarca.

As persoas interesadas en sumarse a esta cita deportiva e solidaria xa poden formalizar o seu dorsal en liña ata o vindeiro 26 de decembro a través da plataforma oficial de Deporticket. A carreira terá lugar o xoves 31 de decembro a partir das 16:00 horas, con saída e meta na praza do Concello. Organizada polo Concello de Ponteareas, a proba mantén o seu carácter solidario e non competitivo, convidando a veciñanza e visitantes de todas as idades a despedir o ano facendo deporte nun ambiente festivo e familiar cun percorrido accesible de 5 quilómetros polas rúas da vila.

Compromiso coa sáude mental
Con esta edición, o goberno local reafirma o seu apoio á Asociación de Saúde Mental Avelaíña, entidade de referencia na atención, rehabilitación psicosocial e acompañamento a persoas con problemas de saúde mental e ás súas familias.

A alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, puxo en valor a vertente solidaria do evento: “A San Silvestre é xa unha tradición imprescindible en Ponteareas para despedir o ano con alegría e convivencia, pero neste 2026 ten un significado aínda máis especial ao celebrarse a favor de Avelaíña”. Cada inscrición e cada alancada “servirá para respaldar o extraordinario labor social e humano que realiza esta asociación no noso municipio e en toda a comarca”, enfatizou Nava.

Categorías para todas as idades
Co obxectivo de fomentar a participación interxeracional, a organización estableceu catro categorías segundo o ano de nacemento, que se establecen nas seguintes: Chupetes: nados entre 2023 e 2026; Pitufos: nados entre 2019 e 2022; Terremotos: nados entre 2015 e 2018,
e Absoluta: nados ata 2014. Aínda que a proba ten un espírito eminentemente lúdico e participativo, entregaranse trofeos aos tres primeiros clasificados da categoría absoluta, tanto na modalidade masculina coma na feminina.

Pola súa banda, o concelleiro de Deportes, Nicolás Rodríguez, animou a toda a cidadanía a aproveitar que o prazo xa está aberto para colaborar con esta causa. Coas inscricións xa abertas, “facemos un chamamento a toda a veciñanza para que reserve o seu dorsal canto antes e colabore con Avelaíña”. O responsable de Deportes engadiu que “deseñamos unha proba pensada para que goce toda a familia, dende os máis pequenos na categoría Chupetes ata os corredores habituais, e queremos ver a praza do Concello chea de xente, disfraces e solidariedade antes de darlle a benvida ao aninovo”.

Comparte este artigo