O Concello pon en marcha unha programación con showcookings gratuítos ou tapas de tempada con música en directo para poñer en valor os produto local de praceiros e praceiras
O calendario de actividades arranca o vindeiro venres 26 de xuño aprendendo a facer ensalada de repolo branco. De 11 a 13 h, de balde con inscrición previa na web municipal
Sabor, tradición e música en directo para vivir e desfrutar ‘O noso mercado’. O Concello pon en marcha a programación anual do Mercado de Tomiño cun calendario de actividades que arranca xa a vindeira semana e que ao longo de sete citas entre xuño e decembro levará showcookings gratuítos, tapas de tempada con música en directo e unha edición especial de outono ao corazón dun dos espazos máis vivos do municipio.
A programación articúlase en tres formatos. O Menú do Mercado é un showcooking de balde no que profesionais preparan en directo receitas de tempada elaboradas con produtos do propio mercado de Tomiño, pensado para aprender, inspirarse e descubrir o que cada estación ofrece. Os Sábados con Sabor combinan tapas de tempada con actuacións musicais en directo, creando un ambiente festivo que converte o mercado nun punto de encontro. Pola súa banda, o Mercado de Outono, que se celebrará durante tres xornadas en outubro, reunirá gastronomía, tradición e sabores de tempada nun formato máis amplo e especial.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, subliñou o valor estratéxico desta iniciativa que busca “apoiar o mercado local, aos nosos produtores e produtoras, ao noso comercio e á nosa economía. Esta programación non é un complemento, é parte dunha aposta seria por poñer en valor o que temos e por facer de Tomiño un municipio onde mereza a pena vivir e quedar”.
Pola súa banda, a concelleira de Comercio, Cristina Martínez, destacou o sentido desta programación que busca facer do Mercado de Tomiño “un lugar no que non só mercar. Con estas actividades convertémolo nun espazo de aprendizaxe, de festa e de encontro, onde a veciñanza pode conectar cos produtores e coa cultura gastronómica do noso territorio”.
A primeira actividade será o vindeiro venres 26 de xuño, que se dará a benvida ao verán cunha receita do Menú do Mercado, na que as e os participantes aprenderán a facer unha ensalada de repolo branco da man de Tania Alves, de O fogón do mercado. O showcooking será de 11 a 13 h, de balde e con inscrición previa na web municipal.
O verán continuará sendo o protagonista na actividade de xullo. O venres 24 as e os asistentes aprenderán a realizar unha nova receita lixeira, refrescante e chea de cor para os días de calor. De 11 a 13 h, de balde e con inscrición xa aberta na web do Concello.
En agosto, os protagonistas serán os Sábados con Sabor, con tapas de tempada e música en directo o sábado 22 de 11 a 13 h. Os tickets para degustar esta festa gastronómica poranse á venda días antes da actividade.
O venres 25 de setembro saborearase o outono cunha nova cita co Menú do Mercado, do 23 ao 25 de outubro chegará o Mercado de Outono para descubrir o mellor da tempada, o sábado 21 de novembro nova cita cos Sábados con Sabor e o venres 18 de decembro pecharase o ano cun Menú do Mercado centrado nos sabores de Nadal.

