Compartirán escenario este venres 28 de agosto ás 22.00 h na Praza do Seixo
O rock máis potente de Galicia soará como nunca antes en Tomiño. A Agrupación Musical de Goián e Astarot unirán talento, estilos e xeracións este venres 28 de agosto para protagonizar o gran concerto do verán, unha cita que levará á Praza do Seixo unha proposta musical singular na que a forza do rock e do heavy metal se fusionará coa sonoridade dunha banda de música.
A partir das 22.00 horas e de balde, no seu tradicional concerto de agosto a Agrupación Musical de Goián subirá ao escenario cun dos grupos máis emblemáticos e veteranos do panorama musical galego, con máis de catro décadas de traxectoria e unha identidade propia na que mestura rock, heavy metal, raíces celtas e poesía galega.
Para esta ocasión, ambas as formacións prepararon un espectáculo con arranxos de Andrés Álvarez e baixo a batuta de Pedro Villarroel, no que o repertorio e a personalidade musical de Astarot adquirirán unha nova dimensión coa incorporación da agrupación tomiñesa. Unha combinación pouco habitual que permitirá ao público redescubrir cancións e sonoridades desde unha perspectiva diferente.
A alcaldesa, Sandra González, salienta que “este concerto representa moi ben a riqueza da nosa cultura musical: unha agrupación profundamente ligada á vida de Tomiño compartindo escenario cun grupo histórico do rock galego e explorando xuntos novas formas de facer e desfrutar da música”. A rexedora anima á veciñanza e visitantes “a achegarse á Praza do Seixo e deixarse sorprender por un espectáculo creado para unha noite moi especial”.
Valor do talento local
A cita servirá tamén para poñer en valor o importante papel que desempeña a Agrupación Musical de Goián e a súa Escola de Música na formación, na dinamización cultural e na creación de canteira. Un traballo que conta un ano máis co respaldo do Concello de Tomiño, que en 2026 asinou por cuarto ano consecutivo coa Asociación Sociocultural de Goián un convenio de 30.000 euros para apoiar a actividade anual de ambas as entidades.
“Para nós é fundamental apoiar o enorme traballo que se fai durante todo o ano desde a Agrupación e a Escola de Música. Non falamos unicamente de concertos, senón de formación, de crear oportunidades para a rapazada, de facer canteira e de manter unha actividade cultural que forma parte da identidade de Goián e de todo Tomiño”, destaca a rexedora.
A achega municipal permite contribuír ao financiamento das clases da Escola de Música e á preparación do alumnado para a súa posterior incorporación aos conservatorios profesionais, así como á organización de audicións trimestrais, concertos e eventos culturais, o Campamento Musical de verán ou a participación da agrupación en festivais e certames competitivos.

