Alberto Acuña denuncia que o Concello de Vilaboa entra en déficit e terá que aprobar un plan económico-financeiro

Redacción
Lectura mínima de 3


O grupo municipal do PP de Vilaboa, encabezado por Alberto Acuña, advertiu hoxe da “preocupante situación económica” do Concello tras coñecerse a liquidación do orzamento de 2025 no pleno municipal, xa que a administración local entrou en déficit e iso obrigaralle a aprobar un plan económico-financeiro que terá consecuencias para os veciños, ben a través de subidas de impostos ou de recortes en obras e servizos.

Segundo o informe de Intervención, o Concello non cumpre o obxectivo de estabilidade orzamentaria nin a regra de gasto, o que supón un incumprimento claro dos principios básicos de xestión económica na administración local. En concreto, a liquidación reflicte un déficit estrutural superior aos 426.000 euros, un exceso na regra de gasto de máis de 271.000 euros e un incremento de facturas pendentes de aplicar ao orzamento, que superan os 289.000 euros.

Desde o PP local sinalan que estes datos “non son un problema puntual, senón a consecuencia dunha forma de xestionar sen control do gasto”.

O incumprimento destes indicadores obriga ao Concello para aprobar un Plan Económico-Financeiro, unha medida imposta pola normativa estatal para corrixir desequilibrios orzamentarios. “Isto significa que o Concello perde autonomía económica e terá que axustar a súa xestión nos próximos anos”, explica Acuña.

“Non é falta de recursos, é falta de xestión”
Desde a oposición insisten en que o problema non está nos ingresos, senón en como se está xestionando o gasto público: “Hai concellos con recursos similares que cumpren as regras fiscais.Aquí o problema é de planificación, de control e de modelo de xestión”, afirma o concelleiro popular.

Alberto Acuña lamentou que “Vilaboa non ten un problema técnico, ten un problema moi grave de xestión, xa que cando un Concello entra en déficit estrutural, acábano pagando os veciños, antes ou despois”, antes de engadir que “xestionar non é gastar máis, é saber ata onde se pode gastar.
E hoxe os datos demostran que o goberno local perdeu ese control.”
Finalmente, desde o grupo municipal do PP reclaman un cambio na política económica do Concello, apostando por un maior control do gasto, unha planificación realista e transparencia na execución orzamentaria. “Vilaboa necesita rigor, non improvisación”, conclúe Acuña.

Comparte este artigo