Amizade e Aromon organizan unha Liga Local de TRAIL-O

Redacción

O domingo día 10 tivo lugar a primeira proba da liga local de TRAIL-O que organiza a Asociación Amizade, en colaboración co clube Aromon.

O TRAIL-O é unha modalidade do deporte de orientación na que non se valora tanto a velocidade senon o pensamento, análise e interpretación dos mapas. E sobre todo, permite que poida ser practicada por persoas con mobilidade reducida, xa que se desenvolve ao longo dun itinerario accesible.

É por isto que a asociación AMIZADE pretende promocionar esta modalidade deportiva, ofrecendo a todas as persoas con discapacidade unha alternativa accesible de practicar deporte; un deporte que ademais é moi inclusivo xa que tanto as persoas con mobilidade reducida como as persoas que non a teñen realizan a mesma proba.

Esta primeira proba tivo lugar na contorna do Mirador de Monteporreiro, contou cun total de 20 desafíos (que son cada un dos puntos onde é preciso interpretar o mapa e tomar unha decisión entre as diferentes alternativas) e cunha proba final cronometrada, que unicamente sirve para dilucidar posibles empates. Están previstas outras dúas probas antes de rematar o ano.

Para afondar na promoción deste deporte inclusivo e realizar a xestión e desenvolvemento das diferentes probas cóntase coa implicación do club Aromon, que posúe ampla experiencia na xestión de deportes de orientación. Así mesmo, a asociación AMIZADE quere agradecer a colaboración do Concello de Pontevedra, xa que é o realmente posibilita poder organizar estas probas.

Tanto asociación AMIZADE como o club Aromon animan a toda a sociedade pontevedresa, con e sen discapacidade, a que se acheguen a coñecer esta modalidade de deportiva, que ademais do seu carácter inclusivo, permite poñer a proba as capacidades de orientación que cada persoa se cree que posúe.

Agradecéndovos de antemán a publicación desta información, quedámonos a vosa disposición, para o que desexedes, nos seguintes teléfonos.

Comparte este artigo