Ana Belén Pérez repite primeiro premio en “Talento Xove” gañando no apartado de novela e no de poesía

Redacción

Premiados tamén Iker Gil e Sandra Álvarez, en poesía, e Santiago Espiñeira e Carlota Torre, en novela

Incluida dentro da programación da Feira do Libro, os xardíns da Xiralda acolleron hoxe a entrega de premios de “Talento Xove” nas modalidades de novela e poesía, un programa promovido pola concellería de Xuventude, dirixida por Cristian Montes. Nesta edición o primero premio recaeu nas dúas modalidades en Ana Belén Pérez Costas, coa súa poesía “Ecos do que non foi” e coa novela “O silencio da miña nena interior”.

No caso da poesía, o segundo posto foi para Iker Gil Rodríguez, polo seu poema “Raíces e Lembranzas”, e o tercerio posto levouno Sandra Álvarez Castro, coa poesía “Voo silencioso”. En canto a novela, o  segundo mellor traballo foi o de Santiago Espiñeira -que repite tras gañar na pasada edición- pola súa obra “Corazón entre silvas”, mentres que o terceiro posto foi para Carlota Torre, pola novela “A Simón e a Kike”.

O acto estivo moderado polo escritor e xornalista Manrique Fernández, quen comezou cun diálogo co concelleiro de Xuventude, Cristian Montes, falando desta nova edición de “Talento Xove”, destacando que “é para estar moi satisfeitos pola elevadísima participación, que vai aumentando considerablemente en cada edición e tamén pola calidade dos traballos presentados”.

Esta conversa inicial tamén xirou en torno a unha parte moi importante deste programa, no caso de novela e poesía, xa que todo comeza cunha alta participación no “Obradoiro de Escritura Creativa” no que os participantes adentráronse nun espazo ideal para desbloquear a imaxinación, aprender técnicas narrativas e estructurar historias de forma sólida. E a xulgar pola calidade dos traballos recibidos, non só os dos finalistas, a acción formativa foi aproveitada por todos os participantes.

A alcaldesa, Nava Castro, ademais de felicitar aos premiados, recordou a tradición literaria da vila, que segue “crecendo con savia nova”, como así o demostra a presenza de xoves escritores locais na Feira do Libro”, como o pregoeiro da Feira, Anxo Rodríguez,  Bernardo Freijedo, Teresa Ríos, Ana Viéitez ou Sonia Melón. Nava engadiu que a alta calidade dos traballos presentados a “Talento Xove”, “invítanos a mirar o futuro con optimismo, coa esperanza de que a vila do Tea poida seguir achegando novas plumas” para seguir formando parte do legado literario local e galego”.

A Feira continúa

Tras esta nova xornada de venres, cargada de actividades, presentacións e sinaturas, e na que cabe destacar  a presentación da obra “Lembranzas” do escritor local Bernardo Freijedo, o fin de semana chega cargado de propostas. A xornada do sábado comezará con sinaturas de libros dende as 11:00 horas. Os escritores locais tamén terán protagonismo nesta xornada,

xa que as 19:00 horas Teresa Ríos asina a súa obra “cando calan os paxaros”, na caseta da Libraría Ledo, mentres Ana Viéitez, arbense afincada e Ponteareas, presenta, as 21:00 horas,  a súa obra “Pacto de silencio”.

Na xornada do domingo dende as 12:00 horas haberá unha intensa actividade nas casetas, coa sinatura de libros. Tamén haberá nesta xornada protagonismo local, xa que as 19:00 horas Sonia Melón asina a súa obra “Do reverso da miña pel”, na caseta da Libraría Ledo. A esa mesma hora haberá tamén, como actividade paralela, un rectial poético de Luis Antonio Cortiñas, galardoado co prestixioso premio de poesía Manuel Lueiro Rey. As 21:00 chegará a clausura desta décima edición da Feira do Libro de Ponteareas.

Comparte este artigo