Apertura festiva da renovación de tres espazos centrais emblemáticos de Tui

Redacción

A rúa Augusto González Besada, a praza da Inmaculada, e a Corredoira

 O Concello de Tui celebrou hoxe a inauguración da renovación de tres dos seus espazos máis emblemáticos como son a rúa Augusto González Besada, a praza da Inmaculada e o Paseo da Corredoira.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, destacou que esta renovación supón a culminación dunha vella aspiración do goberno municipal “converter o que era unha estrada nacional nun lugar de encontro para a cidadanía·. Engadía o rexedor que este “é un espazo emblemático que conecta dous ámbitos fundamentais da cidade e que merecía un tratamento urbanístico moito máis axeitado”.

A actuación abarca tres ámbitos: o Paseo da Corredoira queda definitivamente como espazo peonil, tras a retirada dos últimos elementos que lembraban a súa antiga condición de vía de circulación, a praza da Inmaculada e a rúa Augusto González Besada completan unha intervención pensada para potenciar o uso cidadán e a dinamización económica e comercial da cidade.

Dende media tarde as actividades de animación infantil tomaron a rúa co obradoiro de chapas personalizadas no que cativos e cativas puideron dar renda solta a súa imaxinación. Os máis pequenos e tamén os maiores gozaron dos pasarrúas cheos de corido con grandes e simpáticas medusas realizadas con globos que protagonizaron bailes e momentos cómicos, cos  zancudos que dende as alturas derrocharon bo humor,  mentres un experto globador creou coridas figuras feitas con globos que foi agasallando ao seu paso. Amais pompas xigantes flotaron e voaron da man das pompeiras que participaron na festa.

O comercio e a hostalería local, xunto á Asociación de Comerciantes e Industriais de Tui, sumáronse a esta celebración con diversas iniciativas dende música en directo, a cócteles ou petiscos.

E nesta festa na rúa non faltou a música. O grupo The Pileidis  contaxiou o seu ritmo ao público que cantou e bailou os grandes éxitos dos anos 90 e 2000. Nunha festa a que deu continuidade DJ Chimo Cabreira pinchando os grandes éxitos do pop nacional.

Comparte este artigo