Consolida unha estratexia social na que o Concello mobiliza máis de 700.000 euros
Trala súa publicación no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra de Pontevedra, o concello da o último paso para a aprobación definitiva da nova “Ordenanza reguladora do acceso, funcionamento e utilización das vivendas e outros recursos de emerxencia social”. Trátase dunha ferramenta que permitirá reforzar a atención ás persoas e familias que atravesan situacións de especial vulnerabilidade. A normativa entrará en vigor o vindeiro 20 de xullo, unha vez transcorrido o prazo legal establecido desde a súa publicación.
A nova ordenanza actualiza e amplía o marco de actuación dos Servizos Sociais municipais, regulando con maior detalle o acceso, funcionamento e utilización das vivendas de emerxencia social e incorporando novos recursos municipais para ofrecer unha resposta máis rápida, coordinada e eficaz ante situacións de necesidade social. Entre as principais novidades figura a creación dun espazo municipal de acollida diurna e dun recurso de pernocta puntual de emerxencia, ampliando así a rede municipal de protección social.
Esta regulación forma parte dunha estratexia integral impulsada polo Goberno municipal para reforzar as políticas sociais e de inclusión. Ponteareas está a desenvolver actualmente un Programa de Inclusión Social cun investimento superior aos 500.000 euros, que permite contar cun equipo de sete educadoras sociais, financiadas grazas ao apoio da Xunta de Galicia. Este equipo desenvolve un intenso labor de acompañamento ás persoas e familias en situación de vulnerabilidade, mediante itinerarios personalizados de inclusión, intervención familiar, apoio socioeducativo, promoción da autonomía persoal e integración social e laboral.
A esta aposta súmase un investimento municipal de máis de 200.000 euros destinado á creación e mellora de novos recursos sociais. Nos últimos meses o Concello rehabilitou dúas novas vivendas de emerxencia social, incrementando a capacidade de atención ás persoas que precisan un aloxamento inmediato, e puxo en marcha “Calor Café”, un espazo pensado para ofrecer unha atención digna ás persoas en risco de exclusión, facilitando un lugar de acollida, descanso, hixiene, acompañamento profesional e acceso aos recursos sociais.
Uso equitativo dos recursos
A ordenanza establece con claridade os requisitos de acceso, os dereitos e deberes das persoas beneficiarias, os procedementos de valoración técnica e os mecanismos de seguimento social, garantindo unha utilización transparente e equitativa dos recursos municipais. Así mesmo, incorpora procedementos específicos para situacións de urxencia e para vítimas de violencia de xénero, garantindo unha resposta inmediata cando así o requiran as circunstancias.
Coa entrada en vigor da nova ordenanaza, Ponteareas reforza a súa rede municipal de protección social, dotándose dun marco normativo moderno, flexible e adaptado ás necesidades actuais, que permitirá ofrecer unha atención máis eficaz, humana e coordinada ás persoas que máis o necesitan. Ofrecerá unha resposta inmediata ás situacións de emerxencia, co acompañamento continuado das persoas para favorecer a súa inclusión e autonomía.
Prioridade das persoas
A alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, destacou que “esta ordenanza é moito máis ca un regulamento administrativo. É unha mostra do modelo de Concello que queremos construír, un Concello que sitúa ás persoas no centro das políticas públicas e que responde con feitos ás necesidades da veciñanza máis vulnerable”.
A rexedora lembrou que “nos últimos meses puxemos en marcha unha das maiores apostas sociais realizadas polo Concello”, o que supuxo un investimento superior aos 700.000 euros entre o Programa de Inclusión Social e a creación de novos recursos municipais. Grazas ao apoio da Xunta de Galicia contamos con sete educadoras sociais que realizan un extraordinario traballo de acompañamento ás persoas, ao que se suman dúas novas vivendas de emerxencia social e un novo recurso como “Calor Café”.
Nava engadiu que non se quere que ningunha persoa en Ponteareas se sinta soa cando atravesa unha situación difícil. “Non abonda con ofrecer unha solución puntual; o importante é acompañar ás persoas para que poidan recuperar a súa autonomía e reconstruír o seu proxecto de vida”. Esa é a filosofía que inspira a nova ordenanza e toda a política social que estamos desenvolvendo”, sinalou Nava Castro.

