Arbo abre as inscricións para a VIII Andaina Popular da Lamprea Seca: unha cita imprescincible co deporte e a tradición

Redacción
  • A proba, que se celebrará o 8 de agosto no marco da XXXI Festa da Lamprea Seca, ofrece un percorrido de 12 quilómetros que permitirá descubrir o rico patrimonio arquitectónico e popular do municipio.
  • XXXI Festa da Lamprea Seca (7, 8 e 9 de agosto), un evento de gran prestixio declarado de Interese Turístico de Galicia pola súa histórica vinculación á tradición e identidade de Arbo.

O Concello de Arbo informa que xa está aberto o prazo de inscrición para participar na VIII Andaina Popular da Lamprea Seca, unha das actividades deportivas máis consolidadas da nosa programación estival. Esta proba realizarase con motivo da XXXI Festa da Lamprea Seca (7, 8 e 9 de agosto), un evento de gran prestixio declarado de Interese Turístico de Galicia pola súa histórica vinculación á tradición e identidade de Arbo.

O alcalde de Arbo anima á participación e subliña o valor desta cita: “Convidamos a todos os veciños e visitantes a que se sumen a esta oitava edición da andaina. Non é só un reto deportivo, é unha forma máxica de percorrer o noso territorio e, posteriormente, desfrutar da nosa Festa da Lamprea Seca. É un orgullo ver como cada ano se consolida esta tradición que une saúde, deporte e o noso legado gastronómico máis auténtico”.

A VIII Andaina Popular da Lamprea Seca celebrarase o vindeiro 8 de agosto, cunha saída prevista ás 09:00 horas desde a Carballeira de Turbela. Esta ruta, dunha distancia aproximada de 12 quilómetros e dificultade media-alta, constitúe unha oportunidade excepcional para percorrer lugares de gran interese arquitectónico, popular e tradicional, permitindo aos participantes descubrir de primeira man a riqueza patrimonial e a esencia paisaxística do municipio.

A actividade é totalmente gratuíta e, ao finalizar, realizarase un sorteo de agasallos entre todas as persoas participantes. Para formar parte desta experiencia, os interesados poden formalizar a súa inscrición ata o día 6 de agosto enviando un correo electrónico a vicentacerdeira@hotmail.com, tendo en conta que as prazas son limitadas.

O Concello lembra que, ademais da andaina, a Carballeira de Turbela acollerá durante toda a fin de semana a degustación de lamprea seca nas súas variedades tradicionais, acompañada polos mellores viños das adegas de Arbo, nun ambiente festivo pensado para todos os públicos.

Desde o Concello de Arbo, aproveitamos esta convocatoria para recordar que o noso municipio é un destino vivo e vibrante os 365 días do ano. Máis aló desta cita gastronómica, Arbo ofrece unha oferta turística constante que fusiona o noso patrimonio cultural, a paisaxe única do Miño —escenario tamén de emocionantes actividades de deporte de aventura—, a nosa inigualable tradición vitivinícola e unha gastronomía de recoñecemento internacional que non entende de estacións. Convidamos a todo o mundo a visitar Arbo en calquera época do ano e a perderse nos recunchos dun pobo que sempre ten os brazos abertos para quen busca calidade, historia e autenticidade.

Comparte este artigo