- A proba deportiva, gratuíta e aberta a todos os públicos, terá lugar o 9 de agosto e contará con sorteos de produtos locais.
- O alcalde, Horacio Gil, convida a veciñanza e visitantes a gozar desta cita que fusiona deporte, tradición e gastronomía.
O Concello de Arbo ultima os detalles para a celebración da XXXI Festa da Lamprea Seca, que terá lugar os días 7, 8 e 9 de agosto na Carballeira de Turbela. Como parte fundamental da programación, o vindeiro 9 de agosto celebrarase a Festa da Bicicleta de Arbo, un evento que combina ocio e deporte nun marco incomparable.
A proba ciclista, de dificultade baixa e destinada a todos os amantes do ciclismo, está programada para o día 9 de agosto, coa saída fixada ás 09:00 horas dende a Praza do Concello de Arbo e sendo o uso do casco obrigatorio para todos os participantes.
Ante a proximidade da cita, o alcalde de Arbo, Horacio Gil, quixo facer un chamamento á participación: “Invito a todos e todas, dende os máis pequenos ata os máis maiores, a sumarse á nosa Festa da Bicicleta. É unha oportunidade magnífica para disfrutar do noso contorno dun xeito saudable dentro do marco da nosa Festa da Lamprea Seca, un evento que representa a esencia gastronómica, cultural e de convivencia do noso concello. Agardamos que sexa unha xornada de festa e deporte para toda a familia”.
A participación na Festa da Bicicleta é totalmente gratuíta e, ao finalizar, realizarase un sorteo entre os inscritos de vales de degustación de lamprea e viño das adegas de Arbo. As persoas interesadas deben formalizar a súa inscrición nas oficinas municipais ou enviando un correo a vicentacerdeira@hotmail.es antes do 4 de agosto. Para calquera consulta, o Concello ten habilitado o teléfono 986 665 000.
Durante as tres xornadas festivas na Carballeira de Turbela, os asistentes poderán degustar a lamprea seca ao estilo arbense, acompañada dos prestixiosos viños das adegas locais, consolidando esta cita como o evento veraniego de referencia na comarca.

