- O Concello ampliará o ancho da calzada e renovará o pavimento para gañar seguridade e accesibilidade.
- A actuación conta cun financiamento da Deputación de Pontevedra e un prazo de execución de dous meses.
O Concello de Arbo continúa co seu plan de modernización das infraestruturas rurais para garantir a seguridade e a calidade de vida dos seus veciños. A administración local anunciou hoxe o proxecto de ampliación e mellora de dous viais de comunicación interior no lugar de Barcia, pertencente á parroquia de San Cristovo de Mourentán.
A intervención, que sairá a licitación mediante un procedemento aberto simplificado sumario, conta cun orzamento total de 58.047,16 euros (IVE incluído). O financiamento está garantido grazas a unha subvención outorgada pola Deputación de Pontevedra.
Entre as principais accións destacan a ampliación do vial, a mellora do saneamento e drenaxe e a pavimentación
O alcalde de Arbo, Horacio Gil Expósito, salientou que esta obra é estratéxica para a parroquia de Mourentán: “Esta actuación en Barcia é de vital importancia para modernizar as nosas infraestruturas rurais e garantir uns estándares de calidade de vida dignos”.
Esta intervención no lugar de Barcia fundaméntase na necesidade de garantir obxectivos sociais e técnicos fundamentais: a seguridade viaria a mellora accesibilidade da contorna, facilitando que a veciñanza poida desprazarse con comodidade e unha mellora substancial na mobilidade, logrando un fluxo máis ordenado de peóns e vehículos. En definitiva, trátase dunha obra necesaria para o desenvolvemento, a vertebración e a seguridade de toda a comunidade local.
O rexedor arbense, Horacio Gil Expósito, puxo o foco na protección dos usuarios ao tempo que subliñou que o benestar dos veciños e veciñas é a prioridade máxima para o goberno local: “A seguridade é o eixo central. Ao ampliar a plataforma e consolidar os muros, reducimos a sinistralidade e ofrecemos un trazado moito máis amable para a condución”.

