As piscinas municipais de Tui abrirán as súas portas mañá sábado coas súas instalacións totalmente renovadas  

Redacción

As piscinas municipais de Tui abrirán as súas portas mañá sábado coas súas instalacións totalmente renovadas. 

O horario de apertura será de luns a venres de 13.30 h a 20.30 h; e sábados, domingos e festivos de 12.30 h a 20.30 h até o 6 de setembro. 

Este ano coma novidade a entrada deberá adquirirse en liña, ben a través da web municipal tui.gal ou da APP do Concello de Tui. As entradas terán o mesmo importe que en anos anteriores. O prezos serán 2€ para persoas adultas e 1,5€ para nenos, nenas e persoas xubiladas. 

Haberá amais a posibilidade de adquirir bonos de 30 baños. Neste caso os prezos serán de 40€ para persoas adultas; e 35€ para nenos, nenas e persoas xubiladas.

O Concello de Tui acometeu a reforma integral destas instalacións cun investimento de 306.238,95 € financiados con cargo ao Plan Concellos da Deputación. Tras estas actuacións a Piscina Municipal de Tui convértese nun espazo máis accesible, eficiente e cun entorno máis harmonioso. 

A actuación incluíu dende a mellora e sinalización exterior das instalacións ao espazo interior. As piscinas gañaron en accesibilidade e foron renovados tamén os vestiarios, incorporando un para persoas con discapacidade.

Substituíronse os lavabos e espellos, reparáronse as instalacións, levouse a cabo un pintado exterior e foi colocado un novo pavimento na terraza exterior.

Na piscina de adultos, cunhas dimensións de 25m x 12,5 m, foi substituído o gresite por revestido cerámico con melloras de impermeabilización, instalouse unha cadeira para o acceso para persoas con mobilidade reducida, e realizouse un novo acabado na explanada con inclusión de rexilla cerámica mantendo o sistema desbordante.

Mentres na piscina infantil, onde se realizou un novo perímetro do vaso, se conta agora cunha zona de xogos con chorros verticais e centrais de choiva.  

Substituíuse a bomba xeral das dúas piscinas e a de filtración, así como o sistema de clorado por un sistema salino, con máis capacidade desinfectante, menor toxicidade, non ten olor, e non irrita os ollos nin a pel. 

Tui disfrutará a partir de mañá das súas piscinas de verán.

Comparte este artigo