As Residencias Artísticas NORTEAR 2026 reforzan en Tomiño os lazos culturais entre Galicia e Norte de Portugal

Redacción

O Concello acolleu a 10 artistas que desenvolveron diferentes proxectos nun espazo deseñado para experimentar, crear, conectar ideas e tender pontes

O Concello de Tomiño acolleu durante unha semana as Residencias Artísticas NORTEAR 2026, unha iniciativa que volveu reunir artistas de Galicia e do Norte de Portugal nun espazo de creación, intercambio e convivencia cultural no ámbito da Eurorrexión.

Ao longo de cinco días intensos, as persoas participantes desenvolveron procesos creativos colaborativos, compartiron metodoloxías de traballo e presentaron os seus proxectos artísticos, promovendo o diálogo entre diferentes disciplinas e sensibilidades culturais. As residencias permitiron non só o desenvolvemento artístico individual e colectivo, senón tamén a creación de novas redes de colaboración transfronteiriza.

Os proxectos seleccionados, presentados por autores e autoras de ambos os dous lados da fronteira, evidencian a diversidade temática, estética e técnica da creación artística contemporánea na Eurorrexión. Entre os proxectos participantes atópanse Torna-viragem, Cartografías, Clube de Escoita, SEPA, Pensei Que Eras Uma Roca!, Quen ousa falar de Idiola Bait?, Máis Aló do Cause, O Simples Mente, Por Linhas Turvas a pedra e a corrente e Peeira. Os proxectos presentados evidencian o potencial da cultura como ferramenta de achegamento entre territorios.

Para a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, é importante que o municipio sexa sede deste tipo de iniciativas, xa que “acoller proxectos como NORTEAR significa apostar por unha cultura viva, aberta e sen fronteiras, que entende o territorio como un espazo común de creación e aprendizaxe”. A rexedora puxo en valor tamén “o papel de Tomiño como lugar de encontro entre Galicia e Portugal, onde a cooperación cultural se traduce en oportunidades reais para os creadores e creadoras de ambos lados da fronteira”.

Durante a estadía, os artistas tiveron tamén a oportunidade de coñecer o territorio, achegarse á cultura e á identidade local e participar en diferentes experiencias de inmersión cultural, nun ambiente marcado polo intercambio de coñecementos, a experimentación e o descubrimento. As actividades desenvolvidas permitiron fortalecer vínculos humanos e profesionais entre as persoas participantes, consolidando o espírito de colaboración que caracteriza o proxecto NORTEAR.

A organización destacou a importancia de continuar creando espazos de encontro para o sector cultural da Eurorrexión, promovendo a mobilidade artística, a cooperación e o fortalecemento de relacións profesionais e humanas entre creadores galegos e portugueses. O AECT da Eurorrexión Galicia–Norte de Portugal agradeceu ao Concello de Tomiño a acollida e o apoio prestado durante toda a iniciativa, contribuíndo ao éxito da residencia e á integración das persoas participantes no territorio.

As Residencias Artísticas NORTEAR intégranse nas accións de cooperación cultural impulsadas no ámbito da Eurorrexión, reforzando o compromiso coa creación contemporánea, a circulación artística e o desenvolvemento de proxectos colaborativos entre Galicia e o Norte de Portugal. Están promovidas pola Eurorrexión Galicia–Norte de Portugal, AECT, pola CCDR NORTE e pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia, no marco do proxecto NORTEAR, unha iniciativa de intercambio cultural cofinanciada pola Unión Europea a través do programa INTERREG España–Portugal.

Comparte este artigo