O Pleno do Concello de Baiona, en sesión plenaria celebrada o 29 de abril de 2026, acordou a aprobación inicial do Plan Estratéxico Municipal de Subvencións para os anos 2026- 2028.
O equipo de goberno creou por primeira vez este plan que integra as propostas realizadas polas diferentes áreas municipais responsables da xestión de subvencións.
O PEMS 2026-2028 pretende garantir a continuidade das liñas e accións subvencionables dos últimos anos, estando entre os obxectivos principais que o Concello quere lograr: o fomento das actividades deportivas, sociais, culturais, turísticas, educativas, comerciais, asociativas ou de lecer e tempo libre, entre outras, que permitan que os diferentes sectores da estrutura social do municipio teñan apoio para desenvolver proxectos que se consideren de interese xeral polo Consistorio.
Así mesmo, o PEMS contribuirá a mellorar e racionalizar a xestión das subvencións do Concello de Baiona, proporcionando un marco xeral para o establecemento das mesmas axustándose á normativa e respectado unha serie de principios entre os que se atopan: Publicidade e Transparencia; Concorrencia, Obxectividade, Igualdade e Non Discriminación; Eficacia no Cumprimento de Obxectivos e Eficiencia na Asignación e Utilización de Recursos Públicos…
O alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, sinala que “a creación por primeira vez dun Plan Estratéxico Municipal de Subvencións ten como obxectivos: a promoción da cohesión social e da igualdade de oportunidades; o fomento da participación cidadá e o tecido asociativo; a promoción da educación, a cultura e identidade propias e as tradicións locais; o fomento do deporte e actividades de ocupación do tempo libre e o fomento da actividade económica, o comercio, o turismo e o patrimonio”.

