O Concello de Baiona referendará mañá no Pleno de abril a lista de distinguidos deste ano elixidos pola Comisión de Honras e Distincións.
Entre os galardoados está a Confraría de Pescadores “A Anunciada” coa Medalla de Oro de Baiona, en recoñecemento ao seu incansable labor en favor do sector mariñeiro, piar histórico e económico do municipio, así como polo seu defensa das tradicións e valores do mar.
O equipo de goberno quixo recoñecer, a través destas distincións, o legado de quen contribuíu a construír a identidade de Baiona desde distintos ámbitos, deixando unha pegada indeleble na memoria colectiva da Vila, como é o caso da Confraría de Pescadores da Vila.
Un acto cargado de simbolismo institucional e emoción, que pon en valor traxectorias exemplares profundamente vinculadas o desenvolvemento social, cultural e humano da localidade.
O alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, destaca que “estas distincións representan moito máis que un recoñecemento institucional; son o reflexo da alma de Baiona, de persoas e colectivos que, co seu esforzo, a súa xenerosidade e o seu amor por esta Vila, contribuíron a facela máis forte, máis solidaria e máis orgullosa de si mesma”.
Así mesmo, subliña que “honrar a súa traxectoria é tamén inspirar ás futuras xeracións a seguir construíndo comunidade desde o compromiso e a excelencia”. Con este anuncio, Baiona reafirma a súa vontade de preservar a súa memoria colectiva e de recoñecer publicamente a quen, co seu traballo e dedicación, contribuíron de xeito decisivo a engrandecer a Vila.

