A prestixiosa artista baionesa Lula Goce presentou esta mañá o deseño de “A Doca”. Trátase dun proxecto para transformar un dos emblemas do seu litoral cun espectacular mural sobre o mar.
O Alcalde de Baiona, D. Jesús Vázquez Almuiña; o Presidente de Portos de Galicia, D. José Antonio Álvarez Vidal; e Dna. Iria Covas Luis, Directora Local do Banco Sabadell, acompañados por asociacións, veciños e alumnado de distintos centros da vila, participaron nun acto no que se revelou o deseño dun mural vinculado á súa función marítimo portuaria.
O obxectivo é converter este espazo, un elemento urbanístico que forma parte do percorrido que moitas persoas desfrutan a beiras do mar, en todo un punto de referencia artístico e cultural e un lugar que merece a pena visitar.
Todo, nun espigón cuxas obras comezaron en 1940 e que co paso do tempo converteuse nun “verdadeiro refuxio” e unha “fermosa dársena” onde poden fondear toda clase de embarcacións.
Portos de Galicia realizou un investimento en reparación e adecuación do espigón da Doca. A actuación de remodelación deste porto é un convenio de colaboración entre o ente público, o Concello de Baiona e a Fundación Sabadell.
O alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña”, sinala que “O bosquexo de “A Doca” revelado no acto desta mañá, é o froito dun proceso de mediación cultural comunitaria. Este traballo artístico integra elementos náuticos tradicionais da zona e representacións vivas da biodiversidade mariña autóctona. Todo para converter o mural nunha manifestación visual da herdanza marítima de Baiona, así como da flora e a fauna das súas augas”.
Cabe lembrar que desde o concello de Baiona foi realizado pola consultora Zemos98 mediante un proceso participativo e de investigación en profundidade, que permitiu incorporar á historia local unha información sobre o espigón ata o de agora escasamente documentada, reforzando o vínculo entre patrimonio, memoria e participación cidadá, e invitouse a todos os veciños a colaborar traendo os seus recordos para dar forma a este proxecto tan especial.
En canto ao deseño presentado esta mañá a súa autora, Lula Goce, describe que “nel pódense ver motivos vexetais, acuáticos, peces e unha atadeira (forma na que se chama en Baiona á redeira) que traballa coas súas mans unha rede. O bosquexo é unha homenaxe ao traballo de todas esas mulleres atadeiras que faenaron ao longo dos anos en Baiona. Enfrontado a esta redeira atopámonos cun mariñeiro atando as nasas o cúal non se lle ve o rostro. Algo deseñado a propósito coa intención de que cada un dos mariñeiros baioneses sinta identificado con este personaxe.”
A artista detalla que o traballo que está a levar a cabo: “É unha parte da nosa historia, de toda a documentación histórica de Baiona, das familias mariñeiras e do noso sentir.” Unha homenaxe a esas persoas do mar que toca moi de cercado á artista que procede dunha familia mariñeira cuxa nai se dedicaba a atar redes e o seu pai era mariñeiro. Toda unha homenaxe a esa vida tan dura de mar.
O mural non só transformará a contorna portuaria, senón que contribuirá a posicionar a localidade como referente no ámbito da arte urbano.

